Este 1 de decembro, representantes e delegados da CIG concentrábanse nas sete cidades e vilas máis importantes de Galicia. En Pontevedra, concentrábanse diante do edificio da Xunta de Galicia para despois levar a cabo unha manifestación, baixo a choiva, polas rúas de Pontevedra ata rematar na Subdelegación do Goberno alertando da profunda crise que se multiplicou coa pandemia.
Denuncian que nin a Xunta de Galicia nin o goberno do Estado adoptan medidas necesarias que eviten que a clase traballadora pague as consecuencias desta situación actual.
Inciden na escalada imparable da factura eléctrica, que causa graves danos nas economías familiares e tamén na actividade económica e industrial co consecuente aumento dos prezos de todos os produtos básicos.
Ao non incrementarse da mesma maneira os salarios, este sindicato nacionalista cualifica a situación como "crítica" para a clase traballadora, xa que o traballo non garante unha vida digna.
Demandan, ademais, a derrogación das reformas laborais. Os dirixentes da CIG acusan o goberno de coalición do Estado de incumprir as promesas e de montar un "paripé mediático" para manter despois os aspectos máis lesivos das reformas.
A esta lista de peticións súmase a esixencia de pensións dignas, ao sinalar que en Galicia miles de persoas xubiladas e pensionistas cobran pensións "de miseria". Expoñen que a reforma das pensións que se atopa en proceso de tramitación no Congreso introduce medidas como o aumento das cotizacións, un cambio que agrava as nefastas consecuencias das anteriores reformas, segundo indican desde esta central.