Protestan contra o peche da sucursal do BBVA de García Camba

Pontevedra
15 de outubro 2021

A sección sindical da CIG no BBVA mobilizouse este venres para denunciar os despedimentos e o peche de oficinas contemplados no ERE que a entidade ten en marcha, e que "afondará na exclusión no acceso aos servizos financeiros da poboación e na destrución de emprego no sector"

Nova protesta contra o peche da sucursal do BBVA de García Camba Pontevedra Viva

A sección sindical da CIG no BBVA mobilizouse este venres para denunciar os despedimentos e o peche de oficinas contemplados no ERE que a entidade ten en marcha, e que "afondará na exclusión no acceso aos servizos financeiros da poboación e na destrución de emprego no sector". 

Co lema de "Máis servizos e menos beneficios", levaron a cabo unha concentración diante da sucursal da rúa García Camba, de 11:00 a 12:00 horas.

O secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, lembrou que o ERE do BBVA suporá o despedimento de máis 100 traballadores en Galicia e o peche de 26 oficinas.

Neste senso, Fernández denuncia que o banco está aplicando os despedimentos e os peches aos poucos para minimizar o impacto social do ERE, "e incluso deixando oficinas atendidas por axentes financeiros externos, a empresa bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións, para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais".

A CIG opúxose dende o primeiro momento ao expediente colectivo (asinado por CCOO, ACB e UGT) "por ser inxusto e carecer de xustificación", toda vez que o banco obtivo beneficios de 1.200 millóns de euros só no primeiro trimestre, que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, como evidencian as colas que se forman nas oficinas.

Pero "o BBVA só quere aumentar aínda máis os beneficios e o reparto de dividendos entre os accionistas, reducindo persoal e precarizando as condicións laborais de quen queda, e sen importarlle as consecuencias que os peches teñen para a poboación, que se ve obriga a ter que desprazarse a outras localidades para realizar as operacións bancarias", denuncia a CIG.

"Peches que, xunto á dixitalización forzada da clientela, son utilizados polos bancos para xustificar máis despedimentos", engadiu.

O secretario da sección sindical da CIG afirma que "a brutal reconversión que está a vivir o sector non afecta exclusivamente ás zonas rurais", senón que "estamos vendo como cada vez máis pechan tamén oficinas nos barrios das cidades, que consideran menos rendibles".

A isto suma Miguel Fernández, a redución dos servizos de caixa e o recorte dos horarios, o que dificulta aínda máis o acceso aos servizos financeiros para as persoas máis maiores ou as que teñen menos alfabetización dixital, "que teñen que recorrer a familiares para poder realizar os trámites habituais e incluso estamos comprobando como aumentan as fraudes".