Protesta para reclamar unha "suba real" dos salarios do persoal do sector financeiro

Pontevedra
24 de xaneiro 2023

Persoal da banca, convocado por CIG-Banca, realizaba un acto de protesta ao longo do luns 23 fronte a diferentes oficinas bancarias na cidade de Pontevedra. Denuncian a conxelación de salarios e a perda de poder adquisitivo que están a sufrir os cadros de persoal do sector financeiro malia os beneficios anuais que rexistran as entidades bancarias

A CIG-Banca protesta diante de entidades bancarias reclamando a suba salarial "real" Mónica Patxot

A Federación de Banca da CIG protagonizaba unha intensa xornada de mobilizacións na cidade de Pontevedra durante o luns 23 facendo un percorrido por 16 oficinas de entidades financeiras e manifestar as súas reclamacións demandando unha "suba real" dos salarios.

Afirman que as entidades bancarias seguen obtendo beneficios anuais mentres que o persoal que traballa no sector financeiro está a perder poder adquisitivo ao producirse un incremento da carestía de vida.

Denuncian que se conxelaron os salarios e que, no últimos catro anos, perderon un 15% do seu poder adquisitivo fronte ás ganancias millonarias dos principais bancos.

Esixen tamén que se actualicen as cantidades que se pagan por quilometraxe, que se sitúan actualmente en 19 céntimos por quilómetro. En relación con este tema, demandan que se abandone a política empresarial que obriga ao persoal para desprazarse a oficinas doutras localidades.

O sindicato nacionalista estuda a posibilidade de convocar unha folga unitaria para poñer freo a esta situación.