Un grupo de familias pertencentes á comunidade educativa do CEIP San Clemente concentrábase este mércores 11 ás portas do centro coincidindo co inicio do curso escolar.
Seguen reclamando a terceira unidade de Infantil, despois da eliminación efectuada pola Consellería de Educación.
Entenden que a incorporación dunha nova profesora por parte da Xunta de Galicia tras as queixas é un "parche" a un escenario de recortes.
As familias portaban carteis nos que se lía "Reclamamos o que é noso", "Aula non, Unidade si" e "En loita polo apoio educativo".
Desta forma, as persoas afectadas demandan recuperar as tres liñas de Educación Infantil con todos os servizos relacionados con esta opción.
Estas familias son apoiadas polo goberno local de Caldas de Reis nas súas reivindicacións.