"O despedimento de Jacky non é máis que unha represalia, un escarmento aos traballadores de APPLUS por esixir mellores condicións laborais", con esta premisa concentrábanse este martes ás portas da fábrica de Ence en Lourizán ao redor dun centenar de traballadores de contratas auxiliares; delegados do Comité de Ence; e delegados do Consello Comarcal de CCOO en Pontevedra.
Todos eles queren mostrar o seu apoio a Jacky Tupai, empregado de APPLUS, auxiliar de Ence, que foi despedido cando se atopaba de baixa laboral a través dun correo electrónico, segundo denuncian os representantes sindicais.
Desde CCOO alertan de que nos últimos anos perdeuse "un bo número de auxiliares en fábrica xa sexa por recortes en mantemento, por desvío de investimentos e, nalgúns casos, por causas peores". Afirman que "temos compañeiras limpando ou dándonos de comer nas mesmas condicións de miseria desde hai vinte anos, compaxinando varios traballos para non chegar nin ao salario mínimo. E tamén temos a Ence pretendendo cargarse ás compañeiras de portería que, para quen non o saiba, son un centro especial de emprego para colectivos vulnerables e persoas con discapacidade", explicaron na entrada á factoría.
"É unha vergoña, que nos enchamos a boca cos miles de postos de traballo que xera a fábrica, co emprego de calidade, co compromiso coas persoas... pero cada vez que temos un problema grave nas contratas, entón resulta que Ence 'contrata servizos, non persoas'", explican.
Advirten que APPLUS introduciu visitadores e engraxadores mecánicos do convenio do metal polo convenio de oficina técnica sen recoñecer riscos nos postos de traballo nin pagar gardas ou defraudando horas, segundo indicaron nesta protesta na que se atopaba o traballador despedido, emocionado coas mostras de apoio.