Protesta na rúa polo peche de camas estival nos hospitais públicos

Pontevedra
16 de maio 2018

A agrupación Prosagal levou a cabo a segunda marcha contra este peche nos meses de verán. Ao final da marcha deuse lectura a un manifesto en defensa da sanidade pública

Marcha de Prosagal polo peche de camas no CHOP e O Salnés PontevedraViva

A agrupación Prosagal levou a cabo este mércores unha protesta polas rúas de Pontevedra, desde a praza de España ata o Hospital Provincial, en protesta polo peche de camas previsto para este verán pola xerencia dos hospitais Montecelo, Provincial e do Salnés. 

Este colectivo de traballadores liderado por Carolina Iñárrea mostran a súa preocupación polo peche de nove camas en lactantes durante o mes de xuño. En xullo, pecharanse 52 na primeira quincena e 83 desde a segunda ata finais de agosto en áreas como Medicina Interna III, Pneumoloxía, Trauma e Lactantes.

A situación prolongarase durante os meses de setembro e outubro co peche doutras 52 camas, segundo apuntan desde esta agrupación. No Salnés serán 32 as camas que se manteñan pechadas desde xuño ata, alomenos, finais do mes de setembro.

Desde a organización da marcha indícase que o aforro en recursos humanos é a causa que se esconde tras esta medida e culpan ao Sergas de poñer en xogo a saúde da poboación. 

Tras a marcha leuse un comunicado reivindicativo reclamando ao conselleiro de Sanidade que sexa sensible cos pacientes e se deixe de privar de camas á poboación. 

Pola súa banda, desde a xerencia do Complexo Hospitalario indícase que durante o verán manterase operativo o 89,3% dos recursos asistenciais. Ademais indica que está previsto un plan de continxencia para dotar das camas necesarias en caso excepcional de que o nivel de ocupación supere o 90% durante os próximos meses.