Representantes da Comunidade de Montes de Santo André de Xeve escenificaron este domingo o peche simbólico do campo de tiro de Cernadiñas Novas. Esta protesta tivo lugar á unha da tarde para non interferir na celebración dun campionato provincial de tiro que se está a disputar esta fin semana.
Na porta principal do recinto colgaron un cartel no que se restrinxe o acceso, "Solo personal autorizado por la Comunidad de Montes de Xeve". Mentres medio centenar de persoas despregaron unha pancarta da Mancomunidade de Montes de Pontevedra na que se lía "O monte é noso" e tamén se mostraron carteis co texto: "A Xunta promete máis non cumpre".
Xa pasaron cinco anos desde que o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra ditou a sentenza que devolveu aos comuneiros os terreos do Monte de Cernadas no que se atopa situado este campo de tiro.
A Comunidade de Montes protesta pola imposibilidade de alcanzar un compromiso firme por parte da Xunta de Galicia para que abone o canon anual polo uso destas instalacións. Isto lévalles a reclamar con esta mobilización os terreos ocupados de maneira ilegal.
A Xunta tería que abonarlles un canon anual de 20.000 euros.
Ademais, sinalan que o campo de tiro foi construído nos anos setenta e necesita unha reforma profunda. Ademais das deficiencias que presenta, as instalacións xeran moito ruído e tamén danos nas árbores da contorna por culpa dos disparos.
Os comuneiros anunciaron que esta protesta repetirase cada fin de semana mentres a Xunta non faga efectivo o abono do alugueiro. Estas reivindicacións contan co apoio da gran maioría dos usuarios deste campo de tiro, fundamentalmente deportistas e membros de corpos e forzas de seguridade do Estado.