O novo contrato do lixo terá que esperar. Como máximo, un ano máis. O acordo con Ferrovial Servicios -a antiga Cespa- concluía o próximo mes de xuño, pero do mesmo xeito que ocorreu coa auga, o Concello decidiu prorrogalo ante a imposibilidade de sacalo a licitación antes desa data. Así o explicou a concelleira Carme dá Silva.
A prórroga trasladará a data de vencimiento a xuño de 2018 pero Da Silva indicou que, se a tramitación do novo contrato está finalizada antes dese prazo, esta ampliación quedaría sen efecto. Esta ampliación vén avalada, segundo a concelleira do BNG, por un informe técnico do servizo municipal de Medio Ambiente.
O atraso na licitación do novo contrato foi provocado polo novo sistema de tratamento de residuos orgánicos, a compostaxe, que pretende implantar o goberno municipal en todo o concello. A iso contribuíu tamén a demora que acumula, por falta de datos, o plan de residuos provincial que ultima a Deputación.
A concelleira de Medio Ambiente recoñeceu que este novo contrato ten unha gran complexidade xa que nos últimos anos a cidade "modificouse totalmente" e o armazón urbano "non ten a mesma composición" que cando se licitou o actual servizo, unha época sen apenas áreas peonís e cun uso "moito menor" dos espazos públicos.
Así, os técnicos municipais xa comezaron a estudar as "necesidades" que ten o concello en materia de limpeza viaria, unha cuestión que deberá estar relacionada co sistema de tratamento de residuos.
Será, ademais, un contrato máis amplo que o actual. Non só se incluirá a limpeza viaria, a recollida de lixo ou a limpeza das dependencias municipais, senón que ao tratamento da compostaxe sumaranse tamén as rozas no rural ou unha atención "especial" aos núcleos de centralidade parroquial.
O contrato incluirá tamén unha parte "dinámica", xa que deberá contemplar os servizos de limpeza especiais que se despregan con motivo de "calquera tipo de actividade" como festas, eventos deportivos ou concertos.
Para iso, incluirase a necesidade de contar cun persoal máis amplo que a actual e cunha formación específica, entre outras materias, en compostaxe; cuestión que o persoal que terá que ser subrrogado poderá adquirir a través de cursos formativos.
Unha das grandes novidades do novo contrato, segundo Da Silva, é a introdución dunha "garantía" para que o servizo que preste a empresa ou empresas adxudicatarias -non se descarta que a lexislación obrigue a licitalo por lotes ante o seu gran volume- sexa de "máxima calidade". E é que, segundo a edil, o prezo que cobrará a compañía vincularase a esta calidade.
"Canto mellor funcione, mellor para a empresa porque cobrará máis", explicou. Os técnicos determinarán estes parámetros, pero estudan a posibilidade de que o prezo se vincule á calidade do compost que se produza, á efectiva separación e reciclaxe dos residuos ou á redución do volume de lixo que envían á planta de Sogama en Cerceda.