Propoñen que o edificio da Xunta en Benito Corbal leve o nome de Virxinia Pereira

Pontevedra
27 de xuño 2019

A finais de ano, o 23 de decembro, cumpriranse cincuenta anos do pasamento de Virxinia Pereira Renda. Foi unha muller que loitou toda a súa vida polo autogoberno de Galicia e que, ao lado do seu home Alfonso Rodríguez Castelao, tivo unha profunda relación con Pontevedra, cidade na que viviu vinte anos. Ese é o motivo polo que o BNG propón que este edificio leve o seu nome

Edificio administrativo da rúa Benito Corbal Mónica Patxot

A finais de ano, o 23 de decembro, cumpriranse cincuenta anos do pasamento de Virxinia Pereira Renda. Foi unha muller que loitou toda a súa vida polo autogoberno de Galicia e que, ao lado do seu home Alfonso Rodríguez Castelao, tivo unha profunda relación con Pontevedra, cidade na que viviu vinte anos.

Ese é o motivo polo que o BNG propón que o edificio da Xunta en Benito Corbal, recentemente rehabilitado, leve o seu nome.

Así o pide o deputado Luis Bará nunha iniciativa rexistrada este xoves no Parlamento galego.

Os nacionalistas consideran positiva a reforma do edificio. Os novos usos administrativos e sociais que vai ter, coa cesión de espazos ao concello, á universidade e a entidades sociais, vai permitir o uso e aproveitamento deste equipamento público e, ao mesmo tempo, dinamizar a contorna urbana na que se empraza, a céntrica rúa Benito Corbal.

Bará entende que, ante esa actividade, o edificio debe contar cun nome que o identifique, mais alá do nome da rúa na que está emprazado.

E por iso propoñen o de Virxinia Pereira, xa que o deputado do BNG sinala que se ben a súa figura está "solapada" pola do escritor, artista, ensaísta e político, "tivo personalidade e vida propia" e mantivo durante toda a vida o compromiso coa súa terra.

Virxinia Pereira merece o "máximo recoñecemento" por parte da cidade, engade Luis Bará, porque sufriu o espolio dos seus bens e da súa casa da rúa da Oliva, "padeceu o rigor" do exilio en Cuba, Estados Unidos e Arxentina, e, logo da morte de Castelao, "loitou o resto da vida como unha leoa" en defensa do legado artístico e intelectual do seu home, que se conserva en grande parte no Museo de Pontevedra por vontade dos dous.

Para o BNG, a escolla do seu nome para o renovado edificio sería unha "magnífica homenaxe" á súa figura de muller "boa e xenerosa" e á que Galicia "lle debe tanto".