Propietarios de vivendas turísticas na Illa de Arousa, en pé de guerra contra a subida da taxa de lixo

Arousa
29 de novembro 2024

Asegura a asociación Aviturga que a taxa "castiga" a propietarios de vivendas turísticas ao quintuplicar o importe de 2023. Buscarán o apoio do tecido empresarial e hostaleiro

Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, nunha actividade do colectivo Aviturga

A Asociación de Vivendas de Uso Turístico de Galicia (Aviturga) reuniu esta semana na Illa de Arousa a medio centenar de persoas para abordar, entre outras cuestións, o rexeitamento ao incremento da taxa do lixo proposto polo goberno local.

Aviturga presentou unha alegación contra a ordenanza que inclúe esta taxa e algúns propietarios de vivendas turísticas (VUTs) na localidade tamén alegaron de forma particular.

Segundo comunicou Aviturga, a súa intención é esgotar a vía administrativa "antes de emprender a xudicial" para frear o que considera unha "inxustiza tributaria", xa que aos propietarios de VUTs, con menos consumos en termos absolutos que unha vivenda ocupada durante todo o ano, "pretenden aplicarlles unha subida nos impostos locais.

No caso da Illa de Arousa, quintuplica o que paga un residente e Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, sinala que este mesmo propietario xa tributa no IRPF polos ingresos da súa vivenda, o que habitualmente supón un cambio de tramo e por tanto unha elevada cantidade na renda.

Para frear esta "discriminación", as persoas propietarias de VUTs iniciarán estes días unha recollida de firmas, na que solicitarán o respaldo cidadán para unha modalidade de aluguer, por períodos curtos, cuxos ingresos repercuten non só na economía dos anfitrións, senón en todo o armazón comercial e hostaleiro da cidade.

Solicitarán tamén a celebración dun pleno extraordinario que permita ao goberno local, explicar as razóns que lles levaron a converter A Illa no primeiro municipio galego en implementar este gravame impositivo ás vivendas de uso turístico, considerándoas actividade económica "en clara contradición con Facenda, que mantén a tributación como rendemento do capital inmobiliario".

Esta medida recadatoria foi defendida polo goberno local como unha estratexia para combater a especulación, mellorar o acceso á vivenda para os residentes e controlar o impacto turístico na contorna. A xuízo de Aviturga este agumento é unha "tomadura de pelo aos cidadáns".

"Castigar a quen aluga a súa vivenda no verán para que forzalo a que a leve ao aluguer de longa duración é pura demagoxia para ocultar a inoperancia das diferentes administracións para dotar de vivenda pública á localidade. O acceso a unha vivenda digna é un dereito que debe garantir a administración, non os propietarios", engade Dulcinea Aguín.