A 'nova normalidade' que se impoñerá en toda España como consecuencia da pandemia do coronavirus supoñerá tamén un cambio de hábitos asociados ao lecer deste verán e, entre outras situacións, en Galicia pode chegar a supoñer sacar cita previa para ir á praia. A Xunta de Galicia propón impulsar un sistema para xestionar o acceso e este luns anunciou que poñerá ao dispor dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles esa xestión.
Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado os últimos anos na praias das Catedrais para evitar a masificación.
A plataforma non será de uso obrigatorio, senón que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da firma dun convenio. O obxectivo é facilitar mecanismos de apoio para poder afrontar en condicións de seguridade a previsible afluencia ás praias durante o verán e establecer á vez medidas que procuren evitar a propagación da COVID-19.
Segundo a información facilitada pola Xunta, nos próximos días presentará a plataforma á FEGAMP. Trátase dun sistema que integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima.
En concreto, a Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, dispón do visor do Catálogo de Praias de Galicia, que permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información moi valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, coñeceron o sistema este luns no transcurso dunha reunión de traballo, na que tamén participou a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, para abordar a necesidade de xestionar os areais galegos de maneira idónea e coordinada.
Galicia conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, das que 414 están na provincia de Pontevedra. En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas, un dato interesante se se analiza praia por praia debido a que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación.
Ángeles Vázquez valora que "sería extremadamente favorable para Galicia utilizar un criterio estándar" xa que permitiría actuar de forma coordinada e en base a un modelo común para calcular os aforos, evitando así disparidades na xestión das distintas praias que poderían ocasionar "confusión" entre os usuarios.
A conselleira insistiu na oportunidade de conseguir un consenso a nivel galego sobre os criterios que os concellos van utilizar para o cálculo dos aforos das praias este verán, sendo un bo punto de partida a información xeográfica da que se dispón.