Prohibido mirar cara ao convento e ter as celosías rotas: así foi a primeira operación inmobiliaria das monxas clarisas

Pontevedra
13 de maio 2021

"Aínda que non o pareza, agora mesmo estás dentro do convento". A expresión pódese pronunciar, se ningún temor para equivocarse, en tres baixos e varios pisos dos números pares do tramo inicial de Santa Clara, pois se trata dun edificio promovido pola propia Orde na que era a súa antiga horta nos anos 70. Foi a primeira venda do convento 

Celosías opacas nun dos edificios que dá ao convento de Santa Clara Mónica Patxot

"Aínda que non o pareza, agora mesmo estás dentro do convento". A expresión chama a atención en calquera contexto, pero máis se a pronuncian no interior dun comercio sen ningún tipo de vínculos coa Igrexa. Pódese pronunciar, se ningún temor a equivocarse, en tres baixos comerciais e varios pisos situados nos números pares do tramo inicial da rúa Santa Clara de Pontevedra, pois trátase dun edificio promovido pola propia Orde das Clarisas que xestiona o convento situado nesta rúa e que foi construído na que era a súa antiga horta.

Trátase dunha circunstancia apenas coñecida en Pontevedra e que cobra total actualidade estas semanas, unha vez que o Concello acaba de confirmar a compra do convento por 3,2 millóns de euros. A venda que acaba de pecharse non é, por tanto, a primeira xestión inmobiliaria promovida por esta orde relixiosa sobre os terreos do convento de Santa Clara, senón a segunda. A anterior remóntase a catro décadas atrás e nela as monxas quixeron poñer condicións para garantir que o edificio non alteraba a vida de recollemento do cenobio, no que vivían monxas de clausura. 

Nos anos 70 as Clarisas promoveron un edificio que aínda segue en pé e ocupado. Trátase de tres baixos e seis pisos en cada portal que empeza no propio muro do convento. O propio edificio construíuse no lugar no que estaba a horta e o antigo muro do convento. De feito, os actuais baixos e pisos están pola parte interior daquel muro orixinal, aínda que non queda en pé ningún resto.

A rumoroloxía popular que circula pola zona apunta a que, con esta promoción inmobiliaria, pretendíase evitar que se habilitase unha rúa pegada ao terreo do convento. Con este edificio, evitaríase crear esa vía paralela a Cobián Roffignac que unise a zona de Beiramar e a praza de Barcelos, pero que, unha vez edificado neste solar, xa era imposible. En todo caso, son as explicacións que se deron por aquel entón e que lembran os veciños consultados por PontevedraViva, pero dos que non hai constancia documental. 

Si hai constancia nun documento ao que tivo acceso PontevedraViva de que as monxas usaron o diñeiro resultante desa promoción inmobiliaria para realizar reparacións no propio convento e a súa igrexa. Así, fai referencia ao novo edificio e recolle "casa de Santa Clara, construida en la huerta del convento de Santa Clara de la ciudad de Pontevedra, cuyo producto necesitan para las obras de reparación que tienen que realizar en su Iglesia y convento"

As escrituras confirman tamén que as monxas puxeron condicións aos novos propietarios. Confírmao, cos papeis na man, Sebastián Filgueira Conde, que herdou dos seus pais o comercio que eles compraron ás monxas en marzo de 1977 e puido consultar tanto a propia escritura de compra-venda como o documento relativo á propiedade horizontal. As clarisas puxeron por escrito, segundo relatan os veciños, que eses baixos comerciais non poderían albergar determinados negocios como bares. No seu caso, abriron Olbe, un comercio de téxtil do fogar.

As escrituras tamén especifican que se autoriza ao comprador para "colocar respiraderos hacia la parte posterior para servicios higiénicos y para calentador de gas" e tamén celosías para dar un pouco de luz á parte traseira do edificio, pero que, en todo caso, nunca se poderá mirar cara aos terreos do convento

O documento de compra dos baixos especifica que eses respiraderos deberán colocarse "de forma que en todo caso impida siempre la vista a la huerta del convento". Noutros documentos que posúen outros compradores engádese, ademais, outras condicións como que, no caso de que rompan as celosías que dan luz opaca na fachada traseira do edificio, teñen un prazo limitado de tempo para repoñelo. Todo para garantir a súa intimidade. 

A propia documentación tamén confirma de foron as propias monxas as que promoveron o edificio. De feito, as propias escrituras pola que os veciños compraron as súas propiedades están asinadas pola entón abadesa do convento, que exerceu este cargo entre o 21 de xullo de 1975 e o 21 de xullo de 1978. Así se pode ler nun deses documentos.

No ano 1976 a propia Comunidade da Orde de Santa Clara por unanimidade e o Arcebispado de Santiago de Compostela autorizaron á abadesa para exercer a venda. Así, por exemplo nunha escritura de compra do local que actualmente rexenta Filgueira consta un documento polo que se especifica que desde a Iglesia "le concedemos la autorización que solicita para firmar cuantos documentos públicos o privados sean necesarios para verificar la venta de los locales comerciales del Bloque uno y dos de la casa de Santa Clara"

A documentación tamén especifica que ten consentimento para realizar estas operacións de compra-venda a condición de que non excedan os 10 millóns de pesetas da época, límite fixado pola Conferencia Episcopal Española. 

A operación realizouse tamén por acordo da propia Orde. "Reunido el Discretorio de la Comunidad en pleno, éste conoció y acordó la venta de las distintas fincas del bloque uo y dos de la calle de Santa Clara, núms. 6 y 8, en Pontevedra, pertenecientes a la Comunidad y que sea la citada Abadesa la que pacte y suscriba, en nombre de la Comunidad, las correspondientes condiciones y escrituras públicas y privadas de compra-venta", recolle a documentación da época. 

Segundo puido saber este xornal, unha parte deses compradores orixinais tiveron relación directa coa Orde das Clarisas ou coa Igrexa.

AmpArticleViewer.default.tags