Prohibidas desde este sábado as queimas agrícolas e forestais particulares

Pontevedra
23 de xuño 2023

A Consellería do Medio Rural prohíbe desde este sábado 24 de xuño as quemas agrícolas e forestais particulares por mor das inclemencias meteorolóxicas. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso 

Queima agrícola PontevedraViva

A Xunta de Galicia vén de notificar que a partir deste sábado 24 de xuño quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares, quedando excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.

Esta nova norma, implica que non darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste vindeiro sábado despois de que a Consellería do Medio Rural avaliara a evolución da situación meteorolóxica, que indica risco de lume. Tamén teñen en conta que a normativa –Decreto 105/2006, prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

A Consellería pide á cidadanía que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares.

Por último, lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.