Prohíben as protestas da CIG ante o Foro La Toja polo prezo da luz e o peche de bancos

O Salnés
30 de setembro 2021

A central nacionalista solicitara autorización para concentrarse ante o evento mañá venres, día no que están previsto, entre outras, a intervención do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. CIG pretendía denunciar ante eles a "estafa" do prezo da enerxía eléctrica, o peche de oficinas bancarias e a "grave crise" económica, industrial e laboral que padece Galicia.

Manifestación da CIG no Primeiro de Maio Cristina Saiz

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado polo sindicato CIG contra a resolución da Subdelegación do Goberno de Pontevedra que lles denegaba o permiso para concentrarse no Grove coincidindo coa celebración do Foro La Toja-Vínculo Atlántico.

A central nacionalista solicitara autorización para concentrarse ante o evento mañá venres, día no que están previsto, entre outras, a intervención do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. CIG pretendía denunciar ante eles a "estafa" do prezo da enerxía eléctrica, o peche de oficinas bancarias e a "grave crise" económica, industrial e laboral que padece Galicia. 

O tribunal considera que o itinerario previsto produciría "con total certeza" a alteración da orde pública, creando "perigo" para persoas e bens.

Os xuíces destacan que a decisión da Subdelegación do Goberno está fundamentada nos informes de Garda Civil de Pontevedra e da Policía Local do Grove. 

Consideran que eses documentos son "concluíntes" para acreditar as circunstancias que impiden a celebración da manifestación polo itinerario previsto, pois discorre entre as glorietas que flanquean a ponte da Illa da Toxa, que é "a única vía de acceso á illa, con dous carrís de circulación e beirarrúas moi estreitas".

Ademais, a Garda Civil e a Policía Local indican que, aínda que o percorrido pódese facer "en pouco tempo", pois é "de 400 metros de ida e 400 de volta", a manifestación pediuse para as horas previstas para a celebración do foro.

Isto supoñería, segundo as autoridades, "o corte da circulación rodada de entrada e saída á illa durante practicamente a mañá, en definitiva, un bloqueo da illa durante catro horas, o que significaría o illamento de residentes e transeúntes". 

"Se a isto unimos a inexistencia de vías alternativas para acceder e retornar da illa, entendemos que a manifestación supón a existencia dun risco real e non meramente potencial para a integridade das persoas e os bens, en canto imposibilitaría a prestación de servizos esenciais, tales como bombeiros, policía ou urxencias médicas", recalca o tribunal.

A sentenza resalta ademais que no informe da Policía Local do Grove recóllense alternativas "menos lesivas" que a prohibición da manifestación e destacan que a CIG "tivo a oportunidade de propoñer ou aceptar o itinerario alternativo proposto no citado informe, e con todo, non efectuou manifestación algunha nese sentido". Por iso, entenden que "nunca foi a súa intención" aceptar unha modificación do itinerario. 

O secretario xeral de CIG, Paulo Carril, mostrou a súa indignación ante a decisión do TSXG que, segundo asegurou, "vulnera dereitos fundamentais".

"É indignante que se impida as mobilizacións da clase traballadora mentres se permiten actos de exaltación fascista", sinalou Carril.

Apuntou ademais que a Fiscalía "nos daba a razón" e apelaba a que en lugar de prohibir a concentración se establecesen outro tipo de "medidas restritivas", entre elas modificar o percorrido previsto.

Con respecto aos informes policiais, Paulo Carril asegura que o TSXG se basea nun "dato falso" e que reitera que "en ningún momento" se lles deu a posibilidade de cambiar o itinerario da manifestación e só recibiron a negativa da Subdelegación á súa celebración.

O responsable de CIG reitera que esta decisión xudicial é "desproporcionada" e considera que "se prioriza o ánimo de reprimir", como sucedeu onte á noite coa concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística contra o uso do topónimo "La Toja".