Progresa o descenso de casos activos e de persoas ingresadas por covid-19 nas Rías Baixas

Pontevedra
18 de agosto 2021

Nas últimas horas rexistrouse un descenso do número de pacientes en planta de hospitalización, de 31 pasouse a 28, e de persoas na UCI de Montecelo, de 5 pacientes a 4. Neste mércores 18, a Consellería de Sanidade comunica 1.295 casos activos na área sanitaria, 56 menos que na xornada do martes. No municipio de Pontevedra hai 410 positivos, 20 menos que onte

Datos covid-19 neste mércores 18 de agosto na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés Consellería de Sanidade

Baixou nas últimas 24 horas o número de pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Este mércores 18, a Consellería de Sanidade comunica a presenza de 28 pacientes covid-19 ingresados en planta de hospitalización, tres menos que o día 17

Estas persoas atópanse repartidas da seguinte forma: 24 no Hospital Montecelo, 3 no Hospital  do Salnés e 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Ademais, continúan catro persoas na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un menos que o martes.

Dos 1.295 casos activos na área, 56 casos menos que hai un día, 1.263 recupéranse nos seus  domicillios da enfermidade. Durante as últimas horas non se rexistraron falecementos nesta zona, polo que a cifra de decesos desde o inicio da pandemia continúa sendo de 194 pacientes.

No municipio de Pontevedra, a cifra de casos activos tamén descende situándose en 410, 20 menos que na xornada do martes. Na residencia Soremay permanecen cinco persoas infectadas, segundo os datos facilitados polo Sergas.

Durante as últimas 24 horas realizáronse 600 probas diagnósticas para localizar positivos na área, co resultado de 56 novos contaxios.

DATOS EN GALICIA

A Consellería de Sanidade traslada o dato de 12.730 casos activos neste 18 de agosto en Galicia, 346 casos menos que na xornada previa, con 322 persoas hospitalizadas, catro menos e 63 pacientes que se manteñen nas Unidades de Críticos dos hospitais galegos, a mesma cifra que hai 24 horas.

Por áreas sanitarias, a repartición de casos é o seguinte: A Coruña-Cee: 4.029 (-188); Vigo: 3.134 (-58); Lugo: 1.344 (+14); Pontevedra-O Salnés: 1.295 (-56); Santiago-O Barbanza: 1.259 (-31); Ferrol: 878 (-21) e Ourense: 791 (-6).

Nas últimas horas detectáronse 597 novos casos nas probas realizadas. Trátase de 192 contaxios máis que na xornada de onte pero 125 menos respecto ao mércores anterior. 

Tamén Saúde Pública comunicaba a morte de 6 persoas máis con coronavirus nas últimas horas na comunidade autónoma, que elevan a cifra de decesos a 2.524 persoas desde que se toman datos de falecementos por mor da pandemia.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.802.448, segundo os datos facilitados polo Sergas.