Unha vez chegado o verán, a Concellería de Benestar Social e Mocidade recupera 'Cóidate sempre', unha iniciativa que estreou na primavera do ano pasado e que, dado o seu éxito, volverá a desenvolverse durante os meses de xullo e agosto.
A través deste programa, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández ofrece clases de ximnasia ás persoas maiores, totalmente gratuítas.
As sesións terán lugar os mércores e venres, a partires das 11.00 horas, nos exteriores da Casa Rosada e na explanada da Seca, respectivamente.
As persoas interesadas en anotarse poderán facelo na Casa Rosada ou chamando ao número de teléfono 986872401. Nestas clases, o alumnado realiza rutinas e estiramentos moi beneficiosos para o mantemento da saúde física.
SAUDEMENTE
Por outra banda, Rosa Fernández tamén fixo un balanzo moi positivo da tempada do programa Saudemente, que finalizou a finais do pasado mes de xuño.
Seguindo a súa tradición, a iniciativa tivo un carácter itinerante, desenvolvéndose en Raxó, Combarro, Samieira, Vilariño, A Seca, Campelo e a Casa Rosada. Como xa vén sendo habitual, o programa incluía tanto sesións de exercicio físico como talleres de memoria. A actividade contou con máis de 100 participantes, cunha medida de idade superior aos 80 anos.
Fernández confirma que Saudemente volverá despois do verán, dada a gran acollida que leva tendo este programa durante tantos anos.