Programan obras de mantemento na Avenida da Estación, Rúa Alemaña, Loureiro Crespo e Avenida de Marín

Pontevedra
23 de febreiro 2022

Os traballos, que inclúen reasfaltados e melloras do firme das rúas entre outros, serán pequenas actuacións que provocarán certas limitacións de tráfico durante algunhas horas

Obras na avenida de Marín Mónica Patxot

Durante os dous próximos días, o 24 e o 25 de febreiro, o Concello acometerá obras de mellora e mantemento en catro puntos da cidade. Será na Avenida da Estación, na Avenida de Marín, en Loureiro Crespo e na Rúa Alemaña, segundo informa o goberno municipal.

Os traballos, que inclúen reasfaltados e melloras do firme das rúas entre outros, serán pequenas actuacións que provocarán certas limitacións de tráfico durante algunhas horas.

Na Avenida da Estación, durante o día de mañá, ocuparase parte dun carril, sen corte de tráfico, a partir das 09.10 horas. Estímase que estará rematado ao longo da mañá e permitirá a finalización da dársena dun autobús.

Pola súa banda, os operarios tamén actuarán na glorieta entre Loureiro Crespo e a Avenida de Lugo, dentro das obras de reforma urbana do barrio. É probable que se habiliten desvíos puntuais da circulación por diferentes carrís da rotonda.

A terceira das zonas nas que se estará traballando este 24 de febreiro será a Rúa Alemaña. A partir das 15:00 horas faranse traballos de mellora, complementarios a actuacións realizadas con anterioridade na intersección coa rúa Luxemburgo. Estará permitido o paso de turismos. 

Xa o venres día 25, as obras serán na Avenida de Marín. No seu sentido de saída, a partir das 09.10 horas, pechará o carril de saída da PO-12 cara Marín, realizándose un desvío por Manuel del Palacio.

Serán traballos de parcheado, de cara a unha proba ciclista que haberá en marzo.

No carril de entrada á cidade esta mesma actuación realizarase durante a quenda de tarde. Non se limitará a circulación, pero estará pechado un dos carrís de entrada.