O falecemento do empresario Magín Froiz, que morreu este xoves en Pontevedra aos 78 anos de idade, causou unha gran conmoción en toda a comarca.
A profunda pegada que o empresario deixou na sociedade pontevedresa, coa que mantiña innumerables vínculos económicos, sociais e culturais, é máis que evidente.
Así, as mostras de pesar polo seu falecemento e as condolencias á súa familia, en primeiro lugar, e por extensión a todos os traballadores da compañía son constantes.
Unha das primeiras reaccións chegou do Concello de Poio, que amosou o seu pesar pola morte de Magín Froiz, quen "sen dúbida foi un dos grandes embaixadores do noso municipio".
"O seu tesón, a súa profesionalidade, paixón e afán de superación levárono a crear Supermercados Froiz unha das empresas de referencia en todo o país", subliñan desde o goberno municipal, que destaca a súa faceta de "traballador incansable, solidario e humilde".
Ademais, salientan o seu espírito solidario, a súa predisposición a colaborar en todo tipo de iniciativas e a súa paixón polo deporte, especialmente polo ciclismo.
Desde o goberno municipal de Pontevedra lamentaron o falecemento de Froiz, "un dos empresarios máis coñecidos da comarca" e que foi o responsable, subliñan, de crear "unha das cadeas de distribución e venda máis importantes do país".
"Queremos mandar unha mensaxe pública de apoio a toda a súa familia nestes momentos tan díficiles", afirmaron desde o consistorio pontevedrés.
A morte de Magín Froiz, segundo a Xunta de Galicia, deixa un "baleiro insubstituíble". Destacan del o seu "sacrificio e traballo constante" para chegar a converterse nun dos principais empresarios de Galicia, tras iniciar a súa carreira nun pequeno supermercado de Pontevedra.
José Ramón Lete Lata, en nome do goberno galego, tamén glosou a aposta de Froiz pola promoción do deporte de elite, a través do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, un dos equipos de maior éxito do ciclismo en Galicia.
"Magín ensinoulles a moitos que viñeron despois que investir no deporte desde a empresa privada era un acerto rotundo", manifestou Lete Lasa, que adiantou que Galicia galardoaralle a título póstumo coa distinción ao mérito deportivo.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tamén lamenta o falecemento do "magnífico empresario" ao que considera un "xerador indiscutible de riqueza e emprego na provincia de Pontevedra en particular e en Galicia en xeral".
A través das redes sociais, pola súa banda, tamén se multiplicaron as mensaxes que lembran con agarimo ao fundador de Distribuciones Froiz, entre eles da Deputación de Pontevedra, de diversos líderes políticos e empresariais ou de entidades deportivas e sociais.