Profesionais de fisioterapia e enfermería alzan a voz contra a sobrecarga e precariedade na Atención Primaria

Pontevedra
10 de febreiro 2022

Ás portas do centro de saúde da Parda e de forma simultánea en todas as capitais de provincia, o sindicato  Satse esixe solución aos problemas laborais que levan anos padecendo estes profesionais e ameazan coa folga se non hai avances inmediatos

Profesionais de enfermería e fisioterapia maniféstanse contra a precariedade laboral no sistema de Atención Primaria
Profesionais de enfermería e fisioterapia maniféstanse contra a precariedade laboral no sistema de Atención Primaria Satse

O centro de saúde da Parda foi escenario este xoves dunha protesta simultánea en todas as capitais de provincia a cargo do colectivo de profesionais de enfermería e fisioterapia, que denuncian a grave deterioración, abandono e precariedade que sofre a Atención Primaria e esixen medidas que melloren a atención e coidados que se presta aos pacientes.

"Unha enfermeira non pode estar a cargo de 3.000 cartillas, cun cociente dunha enfermeira por dous médicos. Isto ten que cambiarse xa. Saímos á rúa porque non nos queren escoitar, pero faremos todo o que sexa necesario ata conseguir que esta situacion se reverta", declarou Malules Carbajo, secretaria autonómica do sindicato SATSE en Galicia, entidade promotora desta iniciativa.

Entre as reivindicacións deste colectivo está atopar solución á gran sobrecarga e tensión asistencial existente, ao aumento das esperas para ser atendido de maneira presencial, ao pouco tempo que dispoñen para atender e coidar como se merece a cada persoa ou á supresión paulatina de programas de prevención e promoción da saúde.

Reclaman tamén o desbloqueo da tramitación parlamentaria da Lei de Seguridade do Paciente, que se posibilite a xubilación anticipada voluntaria e que se permita a reclasificación profesional no grupo A, sen subgrupos, ademais de acabar coa temporalidade e precariedade laboral que veñen sufrindo desde hai anos.

"Estamos fartos da situacion da Atención Primaria, é a porta de entrada ao sistema sanitario e non podemos seguir así. As enfermeiras somos as que temos máis carga de traballo", denunciou ás portas do centro de saúde da Parda Emma Rodríguez, secretaría provincial de Satse en Pontevedra.

"Levamos sendo tratadas de maneira inxusta desde hai moito tempo, temos que dar un golpe na mesa porque somos enfermeiras, profesionais e humildes, pero non parvas. Somos un persoal moi rendible porque somos de baixo prezo e iso non pode ser", proclamou a portavoz sindical entre cánticos dos seus compañeiros de profesión chamando á folga e ás mobilizacións.