Produto fresco con ADN Pepe Vieira: todo listo para a cea baile da Peregrina no Casino

Pontevedra
05 de agosto 2022

"Sen ningunha dúbida, o chef ofrecerá o máis delicioso menú e selecto servizo para que o próximo día 13 de agosto a cea baile da gala da Peregrina brille aínda máis", destacan desde Pepe Vieira Eventos. Ademais de cociñar, encargaranse de acompañar aos asistentes coidando ata o detalle máis minucioso en sala e na posterior festa

Equipo de cociña de Pepe Vieira Pepe Vieira Eventos

O cociñeiro de Poio Pepe Vieira, cunha Estrela Michelín e dous Soles Guía Repsol, ultima xa todos os detalles do menú que servirá o vindeiro sábado 13 de agosto no Liceo Casino de Pontevedra con motivo da cea baile da Peregrina.

Desde o seu equipo deron a coñecer este venres algúns detalles da súa participación no evento, no que este ano se presentarán en sociedade 22 mozos. Durante esa noite, poñerá ao servizo do Casino os seus máis de 20 anos de experiencia na cociña e todo o ADN que imprime aos seus pratos.

"Sen ningunha dúbida, o chef ofrecerá o máis delicioso menú e selecto servizo para que o próximo día 13 de agosto a cea baile da gala da Peregrina brille aínda máis", destacan desde a súa empresa, á vez que lembran que a súa dedicación encamiñouse nos últimos anos cara a "unha cociña cada vez máis pura no estrito sentido da palabra".

Nesta ocasión, servirase unha variedade de pratos na que destaca o produto fresco de primeira calidade da cociña galega incorporando os sabores do horto orgánico de Pepe Vieira, nesa idea tan presente na alta cociña nos últimos tempos de "da horta ao prato". O menú que xa se ultima prepararase "respectando sempre o ADN da súa cociña". 

Os menús de Pepe Vieira sempre adaptan a cultura culinaria galega e rescatan o pasado para traelo a un presente onde se recoñece o sinal da súa man. O resultado, tal e como lembran desde o seu equipo, é que "cada vez hai máis del e do seu equipo no que crean".

Ademais de cociñar o menú, o equipo da marca Pepe Vieira Eventos encargarase de acompañar aos asistentes coidando ata o detalle máis minucioso en sala e na posterior festa. "A delicadeza e experiencia acumulada ao longo dos anos, que sempre achegaron aos seus eventos terán unha presenza moi especial na velada do Casino de Pontevedra", aseguran desde a empresa que xestiona os eventos do cociñeiro.