Un coche mortuorio abría o paso da procesión que vendedores ambulantes realizaron na tarde deste mércores polas rúas de Pontevedra. Con ela ironizaban sobre a curta vida da proposta do goberno local de trasladar o mercado ambulante á avenida de Bos Aires, medida que só durou dous sábados ao non ser instalados os postos por parte dos feirantes.
Ao mesmo tempo, o colectivo mantén con este acto a súa reividicación de recuperar a Alameda como localización habitual dos sábados, aínda que xa aceptaron trasladarse, despois de tres meses sen actividade, á Rúa Rafael Areses onde está previsto que se desenvolva a feira este sábado 14.
A comitiva na que participaron 16 vehículos contaba coa participación de vendedores vestidos de loito que choraban acusando a Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, de querer destruír a feira ambulante coas medidas adoptadas durante os últimos meses.
Os participantes percorreron o centro da cidade causando retencións de tráfico na contorna de Barcelos, San Antoniño ou Perfecto Feijóo ao seu paso.
Finalizaron a acción reivindicativa coa lectura dun manifesto en que facían referencia ao artigo 14 da Constitución no que se fai referencia a que todos os españois son iguais ante a lei sen discriminación algunha e ao artigo 35 da Carta Magna na que se establece o dereito e o deber ao traballo da cidadanía cunha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as das súas familias.
Os manifestantes manteñen a súa esperanza e afirman que "aínda que pareza que nada poida devolver a hora de esplendor baixo as árbores da Alameda, non nos aflixiremos senón que atoparemos forzas no que queda atrás apuntando coas nosas armas ao que está por diante" concluíndo co berro de 'Feira na Alameda'.