Proban con éxito un tratamento precoz para a incontinencia urinaria en pacientes sen próstata

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

Este estudo, elaborado por Mercedes Soto, Eva Lantarón e Iria Da Cuña, investigadoras da Facultade de Fisioterapia, comprobou que mediante este tratamento os pacientes afectados por este problema resolven a súa incontinencia nun prazo de tres meses

Iria da Cuña, Mercedes Soto e Eva Lantarón Universidade de Vigo

Tres investigadoras do campus de Pontevedra probaron con éxito un programa de fisioterapia precoz que permite recuperar a continencia urinaria en persoas ás que debido ao cancro se lles extirpou a próstata.

Este estudo, elaborado por Mercedes Soto, Eva Lantarón e Iria Da Cuña, investigadoras da Facultade de Fisioterapia, comprobou que mediante este tratamento os pacientes afectados por este problema resolven a súa incontinencia nun prazo de tres meses.

Para demostrar a valía deste programa, as autoras do estudo atenderon a preto de 50 pacientes de cancro de próstata, en colaboración co xefe de Uroloxía da área sanitaria de Vigo, Antonio Ojea, e da uróloga Sabela López.

Os pacientes nesta investigación, segundo traslada a Universidade de Vigo, sometéronse durante tres meses a un programa de electroterapia e biofeedback.

Tras este programa, dous de cada tres pacientes lograron alcanzar a continencia urinaria, algo que só lograran o 9% dos integrantes do grupo de control do estudo que non se someteron a ningún tratamento específico.

Esta investigación, explica Mercedes Soto, buscaba demostrar a eficacia deste tratamento fronte a un dos principais problemas derivados da prostactomía radical, unha intervención cirúrxica consistente na extirpación da próstata e das súas vesículas seminais para reducir os índices de mortalidade deste tipo de cancro.

"Hai homes que poden chegar a perder ao día litro e medio de ouriños, é dicir, todo o que beben", destaca Soto, que sinala que esta situación provoca unha perda "importante" na calidade de vida destes pacientes.

Dos 47 pacientes que participaron neste estudo, 25 formaron parte do grupo de intervención e 22 do grupo de control.

Os primeiros sometéronse durante tres meses a un tratamento con tres sesións semanais, no que se combinaba a electroterapia e a realización dun programa de exercicios de fortalecemento do chan pelviano con biofeedback, un sistema que permite a medición das contraccións realizadas e que as visualiza nunha gráfica.

Para coñecer os efectos deste programa, os integrantes dos dous grupos foron sometidos cada mes a dúas avaliacións diferentes, un pad-test dunha hora e outro de 24 horas.

O primeiro implicaba a realización dunha serie de exercicios, como agacharse, levantarse ou tusir, que exercen presión sobre a zona e dificultan a continencia, segundo estas investigadoras, para despois comprobar a cantidade de ouriños que perderan.

O segundo estaba dirixido a cuantificar, a través do pesado dos cueiros, as perdas que sufriran ao longo de 24 horas, nas que os pacientes facían unha vida normal. 

O estudo completouse cunha nova avaliación aos seis meses, "xa que podería ser que melloraran moito durante o tratamento e despois empeorasen", sinalan as autoras desta investigación, que comprobaron que esta continencia mantíñase "ou mesmo melloraba".

As investigadoras pontevedresas, ante o resultado deste estudo, destacan a importancia de incluír a fisioterapia dentro do equipo multidisciplinar de tratamento destes pacientes porque os exercicios de chan pelviano "non son doados de facer sen as correctas indicacións".

"Tanto na incontinencia masculina como na feminina, o que existe ás veces é desinformación, porque si que existe unha solución eficaz, como se está vendo, tratamentos que poden resolver o problema", engade Eva Lantarón, unha das autoras do estudo.