O Concello de Pontevedra aprobou este luns en Xunta de Goberno a concesión de licenza para a demolición e consolidación da estrutura da Casa de Filgueira Valverde, situada no número 49 da rúa Arcebispo Malvar e con fachada tamén á avenida de Uruguai.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, valorou como unha "moi boa nova para a cidade" estes "traballos previos do que sería unha futura rehabilitación" solicitados por un particular para recuperar este inmoble "emblemático" no centro histórico da Boa Vila, xunto á Praza do Peirao e o xacemento arqueolóxico da rúa Valentín García Escudeiro.
Anabel Gulías sinalou que a casa se atopa "nun estado calamitoso" despois de sufrir varios incendios provocados. "Era unha vivenda problemática debido a que tiña moi fácil acceso" polo que "constituía un perigo para a zona", comentou a portavoz municipal.
Precisamente estes incendios provocan que "probablemente" sexa necesario demoler e "consolidar" a estrutura do edificio que está incluído no Catálogo de Patrimonio Urbano do Concello de Pontevedra. Aínda que non ten un nivel de protección máis aló do Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística).
"Ten interese desde o punto de vista histórico pero tamén arquitectónico", comentou Anabel Gulías como se reflicte na ficha deste Catálogo que sinala á Casa de Filgueira como un "elemento de referencia das antigas construcións do barrio mariñeiro da Moureira".
Tamén cren que pode conservar a súa estrutura interna da época medieval, xa que neste solar levantouse tamén a residencia do nobre pontevedrés Paio Gómez Chariño antes de pertencer á familia Filgueira Valverde. Con todo, a ficha é anterior aos incendios co que será necesario avaliar o dano causado polo lume.