"Primeiro paso" para que a Escola de Cantería sexa unha das "xoias da coroa" da FP galega

Poio
30 de agosto 2023

Como un "día histórico" para Poio. Así cualificaron todas as institucións a xornada deste mércores, na que se asinou oficialmente o traspaso da Escola de Cantería, centro dependente ata da Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia

Acto de sinatura de traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia Deputación de Pontevedra

Como un "día histórico" para Poio. Así cualificaron todas as institucións a xornada deste mércores, na que se asinou oficialmente o traspaso da Escola de Cantería, centro dependente ata o de agora da Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia.

Fixérono os titulares de ambas as administracións, Luís López e Alfonso Rueda, respectivamente, tras realizar unha visita ás súas instalacións, que a partir do curso 2024-2025 converterase nun centro integrado de FP especializado en construción, restauración e cantería.

"É a primeira pedra dun novo camiño cargado de éxito", subliñou López, que destacou que con este traspaso atende unha reivindicación histórica que desde a Deputación non podían cumprir, outorgar aos seus estudantes un título oficial "á altura do nivel dos seus alumnos".

Integrarse como centro propio en sistema da FP galega será, segundo o presidente provincial, unha "oportunidade de ouro" para que a Escola de Cantería se converta "aínda máis" nun referente educativo e formativo dentro e fóra das nosas fronteiras.

Rueda, pola súa banda, destacou que este proceso converterá a este centro dunha das "xoias da coroa" do sistema de FP en Galicia, dando un "empurrón moi importante" a unha escola na que, nas súas máis de 40 anos de historia, pasaron máis de 1.500 aprendices de cantería.

O cambio supoñerá "grandes melloras" para todo o alumnado, xa que permitirá que os seus ensinos pasen a ser título oficial, permitindo ademais que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a súa experiencia profesional.

Tras unha fase de transición, que durará todo este curso, o inicio da actividade regrada na nova Escola de Cantería comezará no curso 2024-2025, cunha formación centrada na construción, a restauración e a rehabilitación de edificios, superando as 100 prazas.

Nos cursos seguintes está previsto que o número de prazas supere as 300, co desenvolvemento completo dos ensinos e a oferta de novas titulacións e formacións.

A este respecto, este centro integrado de FP ofertará un ciclo básico en reforma e mantemento de edificios, un ciclo medio en construción, un ciclo medio en obras de interior, decoración e rehabilitación ou un ciclo de grao medio de pedra natural.

Haberá ademais unha especialización no ámbito artístico cun ciclo de grao medio de artes plásticas e deseño de producións artísticas en pedra e dous ciclos superior de artes plásticas e deseño en tecnoloxías escultóricas, un deles centrados na pedra.

"Non podiamos permitir que o traballo artístico en pedra, tan propio de Galicia e tan identificador do noso, languidecera", apuntou o presidente da Xunta, que augurou que esta escola será agora un centro "moitísimo máis potente" e dará "máis prestixio" á cantería.

O traspaso da Escola de Cantería á Xunta é unha mostra, insistiu Alfonso Rueda, da aposta do goberno galego pola FP, unha modalidade formativa que está a protagonizar unha "revolución silenciosa" nos últimos anos polo seu "prestixio, confianza e utilidade".

Así, no curso 2023-2024, Galicia terá a maior oferta de FP da súa historia con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis que o curso pasado.