Este luns 16 de marzo é o primeiro día laborable de aplicación das medidas do estado de alarma, co peche de todos os negocios de atención ao público excepto os que venden alimentos e produtos de primeira necesidade, e de restricións de movementos. A nova situación, sen precedentes, deixouse notar en Pontevedra, onde si se viu xente pola rúa, pero moita menos que un luns calquera e todos adoptando as correspondentes medidas de seguridade.
Así, en rúas habitualmente de paso nótase unha presenza moito menor de pontevedreses, que se concentran nas inmediacións dos establecementos cuxa apertura está autorizada ao público. As poucas persoas de paso que se detectan diríxense aos seus centros de traballo.
Nos acceso e interiores dos comercios, a nova situación percíbese con claridade. Así, as persoas agardan colas na porta para que non se concentren un gran número de clientes nos locais e, unha vez dentro, moitos negocios como farmacias ou supermercados teñen compartimentados os establecementos para que se respecten as distancias de seguridade.
Ademais, a diferenza do que ocorreu nos días pasados, este luns está a resultar habitual a presenza de pontevedreses protexidos con máscaras e luvas e detéctase máis presenza policial pola rúa para velar polo cumprimento do estado de alarma.
Esta completa galería de fotografías recolle algunhas instantáneas das primeiras horas do luns no centro de Pontevedra.