Primeiras contratacións de veciñas de Ponte Caldelas na conserveira Orbe

Ponte Caldelas
05 de xuño 2016

A empresa está a completar o arranque da súa nova factoría no polígono da Reigosa. O Concello de Ponte Caldelas comprometeuse a rebaixar á metade o imposto de construcións (ICIO) a cambio da contratación de persoas empadroadas no municipio

Reunión coa bolsa de traballo municipal polo proceso de contratación en Orbe

Once veciñas de Ponte Caldelas incorporaranse este luns 6 de xuño á fábrica que está a poñer en marcha Orbe no polígono da Reigosa.

Son as primeiras incorporacións de persoas desempregadas do municipio, en virtude do convenio asinado polo Concello de Ponte Caldelas polo que se rebaixa á empresa o 50% do imposto de construcións (ICIO) a cambio da contratación de persoas empadroadas en Ponte Caldelas.

Nesta ocasión trátase dunha administrativa e de dez veciñas para a liña de produción.

A empresa de selección de persoal contrada pola conserveira e responsables do Concello reuníronse con persoas inscritas na bolsa de traballo municipal para explicar detalles do proceso de selección, que está previsto se amplíe ata o medio centenar de desempregados, na súa maioría mulleres.

Ademais de coa conserveira Orbe, o Concello de Ponte Caldelas asinou un pacto similar de bonificación fiscal coa firma auxiliar de automoción Aludec, que abrirá unha nova planta na Reigosa.