Primeira reunión da comisión de seguimento das obras de depuración e saneamento en Sanxenxo e Poio

Poio
14 de febreiro 2023

Os alcaldes Telmo Martín e Luciano Sobral participaron no encontro xunto coa directora xeral de Acuaes, María Rosa Cobo

Primeira reunión da comisión de seguemento das obras de depuración e saneamento en Sanxenxo e Poio Delegación del Gobierno en Galicia

A comisión de seguimento para as actuacións de ampliación e mellora do saneamento e depuración nos Concellos de Poio e Sanxenxo reuniuse este luns, por primeira vez, na oficina técnica da sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (Acuaes) en Vigo.

Na reunión participaron a directora xeral de Acuaes, María Rosa Cobo, e os alcaldes de Poio e Sanxenxo, Luciano Sobral e Telmo Martín, ademais dos responsables das áreas técnicas e financeiras das distintas partes.

A constitución da comisión de seguimento das obras é un dos requisitos incluídos no convenio que Acuaes asinou o 29 de abril de 2021 cos dous Concellos para o desenvolvemento, financiamento e explotación das obras.

A actuación, declarada de interese xeral do Estado, beneficiará a unha poboación de 98.412 habitantes equivalentes, e desenvolverase en dúas fases. Na primeira executarase a ampliación da estación depuradora de Paxariñas.

Nesta primeira fase tamén se construirán as novas estacións de bombeo e impulsión de Raxó, que recollerá as verteduras deste núcleo e do de Samieira e Areas, e procederase á remodelación dos colectores que permitirán conectar estes bombeos coa nova depuradora de Paxariñas.

Dentro das remodelacións das estacións de bombeo, ampliaranse as instalacións de Sanxenxo e Espiñeiro. Tamén se executarán as obras dun novo emisario submarino en Montalvo, de 1.300 metros de lonxitude e 630 milímetros de diámetro, que substituirá ao existente.

Na segunda fase procederase á remodelación do colector da Avenida de Madrid, en Sanxenxo, e á adecuación da estación de bombeo e impulsión de Laño, en Poio. Acordouse iniciar o trámite dunha addenda ao convenio vixente que elevará o orzamento de investimento ata os 24 millóns, 22 para a fase I e o resto para a fase II.

A execución das obras permitirá eliminar as verteduras que actualmente se producen nesta zona da marxe dereita da ría de Pontevedra, de gran riqueza ambiental, turística e marisqueira.

A actuación será cofinanciada nun 50% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER dentro do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE). O 40% do importe do investimento será anticipado por Acuaes, con cargo aos seus recursos propios, e o resto mediante unha operación financeira.