Primeira pedra do novo Tanatorio de Vilaboa que construirá a empresa San Marcos

Vilaboa
26 de novembro 2021

O xerente de San Marcos, Juan Perdiz, explicou que o tanatorio consta de dúas salas velatorias e unha máis de cerimonias na que tamén se poderían realizar velorios. O espazo contará con amplos aparcamentos no exterior, accesibilidade moi cómoda e tamén con áreas axardinadas e espazos comúns   

Presentación do novo tanatorio de Vilaboa PontevedraViva

Este venres púxose a primeira pedra do novo Tanatorio de Vilaboa que construirá a empresa San Marcos Servizos Fúnebres. 

O alcalde de Vilaboa, César Poza expresou a súa satisfacción por contar con "esta infraestrutura xa de vello demandada" xa que era "unha necesidade" para este municipio rural que carecía deste servizo.

César Poza aplaudiu as "grandes calidades" coas que se construirá esta instalación privada propiciada polo acordo unánime entre os comuneiros de San Martiño de Vilaboa despois de convocar un concurso aberto para atopar a unha firma que asumise a construción e xestión dun tanatorio nuns terreos da súa propiedade.

O rexedor lembrou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa catalogaba como equipamentos este espazo á beira do cemiterio de Vilaboa "entendiamos que era o espazo máis céntrico" na liña que impulsa o Concello de "centralizar vos servizos non lugar do Toural".

O presidente da Comunidade de montes de San Martiño, José Luis López, sinalou que esta iniciativa "tan desexada" remóntase a 25 anos atrás, pero distintas vicisitudes foron atrasando este proxecto. O acordo ao que chegaron os comuneiros "cos brazos abertos" consiste na cesión por trinta anos dunha única parcela de terreo duns 4.200 metros cadrados, despois de acometer varias permutas e comprar outras leiras.

"Nós como unha comunidade de montes pequena facemos esta cesión polo ben do concello e de calquera persoa que queira vir, porque esto vai estar aberto a todo o mundo", dixo.

O xerente de San Marcos, Juan Perdiz, explicou que o tanatorio consta de dúas salas velatorias e unha máis de cerimonias na que tamén se poderían realizar velorios. O espazo contará con amplos aparcamentos no exterior, accesibilidade moi cómoda e tamén con áreas axardinadas e espazos comúns "algo moi acertado como se demostrou coa pandemia".  

"Trátase dunha construción moi bonita, coa máxima calidade, adecuada para a contorna e seguindo unha liña de construción moi moderna e vangardista que nos fai estar considerados no sector nacional como ‘Tanatorios top’", sinalou Juan Perdiz.

Para San Marcos este tanatorio de Vilaboa "supón é un peche perimetral de servizos funerarios na comarca de Pontevedra". A previsión é que estea a funcionar o próximo ano 2022 "esa é a nosa intención".

Juan Perdiz destacou que "San Marcos é unha empresa familiar, con ámbito local, moi unida coa xente, moi participativa co noso entorno, e o único que queremos é ofrecer uns servizos diferentes e queremos ter instalacións en todos os concellos e neste vindeiro ano tamén Sanxenxo e Meis terán instalacións da empresa San Marcos".