Primeira alta a un paciente con coronavirus en Pontevedra

Pontevedra
21 de marzo 2020
Actualizado: 14:40

Trátase dun home de 45 anos que levaba dúas semanas ingresado no servizo de Pneumoloxía do Hospital Montecelo de Pontevedra que acaba de recibir a alta médica por estar "curado". Foi o primeiro paciente en dar positivo na área sanitaria e chegou a presentar un estado grave 

Celebración do persoal sanitario despois de confirmarse que un paciente está de alta por coronavirus
Celebración do persoal sanitario despois de confirmarse que un paciente está de alta por coronavirus / PontevedraViva

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten xa ao primeiro paciente con coronavirus curado. Trátase dun home de 45 anos que estaba ingresado no servizo de Pneumoloxía do Hospital Montecelo de Pontevedra que acaba de recibir a alta médica. 

O home, de 45, foi o primeiro paciente que deu positivo por coronavirus en Pontevedra, un caso importado que, por cuestións laborais, estivera en Madrid. O primeiro positivo detectouse hai dúas semanas no propio hospital, pero non se confirmou oficialmente ata o mércores 11, tras chegar a confirmación desde o Centro Nacional de  Microbiología en Majadahonda.

O paciente ingresou nun estado grave, permaneceu na planta de Pneumoloxía estas dúas semanas e finalmente confirmouse que, tras recibir tratamento, xa dá negativo na proba de coronavirus.

Fuentes sanitarias confirmaron que se trata dun paciente con  COVID-19 "curado", pero por protección de datos non se facilitan detalles sobre as súas circunstancias persoais. Oficialmente, remítese ao balance realizado este sábado pola Consellería de  Sanidade, segundo o cal en toda Galicia rexistráronse ata o momento seis altas de pacientes

Desde a xerencia da área sanitaria de Pontevedra si destacan que este alta supón un raio de esperanza para os sanitarios e a sociedade.

Segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés hai este sábado 21 de marzo 112 casos activos de coronavirus, dos que 25 están hospitalizados, 24 en planta e un na UCI

Segundo as cifras oficiais facilitadas, dous dos pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto no Hospital Montecelo. Os demais casos confirmados un total de 87, atópanse illados nos seus domicilios. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.