Prevista a ampliación da recollida "porta a porta" de residuos no pequeno comercio pontevedrés

Pontevedra
09 de novembro 2024

A previsión é que a recollida de papel e cartón do pequeno comercio chegue a estenderse a toda a área comercial da cidade, garantindo unha frecuencia mínima de cinco días á semana

Contorna de Benito Corbal-Cobián Roffignac Diego Torrado (arquivo)

O Concello de Pontevedra está a preparar un salto cualitativo na xestión dos residuos urbanos coa mellora e ampliación do servizo de recollida "porta a porta" de papel/cartón e vidro no ámbito comercial, segundo o novo contrato que se porá en marcha proximamente.

Con esta iniciativa, a recollida de papel e cartón do pequeno comercio estenderase a toda a área comercial da cidade, garantindo unha frecuencia mínima de cinco días á semana.

Actualmente, este servizo limítase á zona centro, seguindo rutas preestablecidas, pero o obxectivo é abarcar todas as zonas comerciais do concello.

En canto ao vidro, a recollida "porta a porta" centrarase no centro histórico e as rúas adxacentes, cunha frecuencia mínima de tres días á semana.

Este servizo está especialmente dirixido aos ámbitos de restauración, oficinas, comercio e locais de lecer, asegurando unha xestión eficiente dos residuos xerados polo sector terciario.

O goberno local destaca que esta iniciativa non só busca manter o bo funcionamento do servizo actual, senón tamén ser máis ambicioso na súa implementación, co fin de proporcionar un servizo máis completo e eficiente para o pequeno comercio de Pontevedra.

A concesionaria encargada de xestionar este servizo tamén instalará colectores azuis e iglús verdes para a recollida de residuos nos fogares, tanto en áreas urbanas como rurais.

Aínda que a proposta inicial está definida, a empresa poderá adaptar o seu proxecto de explotación, sempre que cumpra coas condicións establecidas polo Concello e a normativa vixente, previa aprobación municipal.