Prevista a reparación do depósito municipal para evitar perdas de caudal

Barro
25 de maio 2021

O goberno municipal de Barro elaborou un proxecto para intervir no depósito principal de auga da traída municipal co obxectivo de aumentar a eficiencia deste servizo. A actuación ten un orzamento superior aos 27.500 euros

Depósito municipal de auga en Barro Concello de Barro

O goberno municipal de Barro elaborou un proxecto para intervir no depósito principal de auga da subministración municipal. A intención deste traballo é incrementar a eficacia do servizo para evitar perdas deste recurso.

Xa no ano 2018, executábase un proxecto por valor de 22.908 euros no depósito de distribución para aumentar tamén a súa eficacia e evitar perdas de caudal. Agora, o goberno que lidera Xosé Manuel Fernández Abraldes considera que é o momento de mellorar o depósito principal. Esta instalación conta cun depósito de paredes de formigón con capacidade para 2.000.000 de litros e que precisa unha mellora ao rexistrarse lixeiras perdas de auga que se poden corrixir con tratamento especializado.

Estes traballos contarán cun orzamento de 27.563 euros e foron adxudicados á empresa OKANA-21, ao presentar unha mellor oferta. Durante o proceso limparase o interior do depósito e repararanse con selaxe das fendas estruturais. Tamén se impermeabilizarán tanto as paredes interiores como do fondo. Ademais, o proxecto contempla o pintado das paredes exteriores para mellorar o seu aspecto actual.

Fernández Abraldes considera que é unha actuación moi necesaria para mellorar este servizo e entende que a mellora será fundamental para facer fronte aos problemas que se poidan producir ante a posibilidade de secas durante os meses de verán.