Preventiva do Hospital recomenda a unha enfermeira que ignore o seu positivo no test rápido e que siga atendendo pacientes de Oncoloxía

Pontevedra
21 de outubro 2020

Sara é unha enfermeira que traballa no servizo de tratamento de Oncoloxía no Hospital de Día do Provincial. O xoves 15 de outubro fixéronlle un test rápido no Hospital xunto a outras compañeiras do servizo. Enterouse que dera positivo ao consultar a súa historia clínica, catro días despois, sen que ninguén a alertara do resultado a poucas horas de volver tratar con persoas inmunodeprimidas

Test rápido da covid-19 Laboratorios clínicos

Sara (nome ficticio para preservar o seu anonimato) é unha enfermeira contratada pola xerencia da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, que traballa durante a semana no servizo de Tratamento de Oncoloxía no Hospital de Día do Provincial e, durante as fins de semana, en distintos Puntos de Atención Continuada (PAC).

O xoves 15, ela xunto a outras catro enfermeiras, dúas auxiliares e unha celadora mentres realizaban o seu traballo no servizo de Tratamento Oncolóxico se atoparon coa noticia de que tiñan que se someter a un test rápido para detectar positivos de covid-19. Inicialmente a proba era só para o persoal fixo, neste caso tan só dous profesionais, pero ao final a supervisora accedeu a que se realizara a proba a todas agás a unha delas porque contaba cun contrato de só unha xornada.

Realizaron o test rápido pero ninguén lles trasladou o resultado nun día no que nin elas mesmas tiveron tempo para preguntar debido ao traballo que se lles acumulaba no seu departamento. Ao non recibir comunicación, todas elas pensaron que deran negativo.

Sara, sen síntoma de covid-19, traballou o sábado no PAC da Parda e o domingo no de Baltar. Alí falando cunha compañeira lembrou que aínda non lle facilitaban o resultado do test rápido e decidiu consultar a súa historia clínica para ver se saía reflectido. A súa sorpresa foi maiúscula ao comprobar que os anticorpos IgM eran positivos,  o que indica que o paciente está na etapa aguda da infección, segundo os expertos médicos.

Esta enfermeira recoñece que "aluciné", sen entender como ninguén da dirección hospitalaria lle comunicara ese resultado nin se puxo en contacto co supervisor para indicarlle que debía de facer ao dar positivo nesa proba. 

CHAMADA A MEDICINA PREVENTIVA

A partir deste momento a historia vólvese aínda máis surrealista. Sara contacta co seu supervisor que lle remite a que fale con Medicina Preventiva para comentarlle a súa situación. Cando fala con este departamento, a persoa que lle atende a chamada indícalle que eles non autorizaran eses test rápidos e que, por tanto, se desentenden do seu caso. Non lle ordenan que se vaia para casa nin lle queren realizar unha proba  PCR para contrastar este positivo. 

"Igual hai xente que é positiva de verdade e ninguén llo comunica e está a contaxiar"

Sara advírtelle á representante de Medicina Preventiva que o luns 19 ten que volver traballar na área de Tratamentos de Oncoloxía no Provincial e que terá que estar en contacto con pacientes inmunodeprimidos. Por este motivo, acláralle, considera que non debe incorporarse para evitar posibles contaxios. A interlocutora de Medicina Preventiva dille que esas probas rápidas non son fiables, "que non lle faga caso e que non o teña en conta e vaia a traballar porque hai moito falso positivo", relata Sara lembrando a conversación. Ante esta resposta, a enfermeira négase. Entende que por responsabilidade non debe acudir ao traballo ata que lle fagan a proba  PCR e comprobe o resultado. Tras dez minutos de debate telefónico, Sara logra que desde Preventiva lle soliciten unha PCR.

Tras coller a baixa á espera da proba, este luns coñecía o resultado. A PCR saiu negativa e este mércores 21 reincorporarase ao traballo tal e como lle indicaran inicialmente. Pero nas últimas horas, a dirección púxose en contacto con ela para pedirlle que manteña a corentena ata que realice unha nova PCR. "Agora xa se lle dá importancia ao test rápido con IgM positivas", apunta a enfermeira sorprendida polo cambio de parecer en Medicina Preventiva.

Sara, en todo caso, cualifica a tardanza de todo o procedemento como "nefasta" e recoñece que "falta coordinación" no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Pregúntase quen deu orde de facer os test rápidos se non se teñen en conta e non alcanza a comprender como se sae un caso positivo non se lle comunica a unha persoa que traballa con pacientes sometidos a afeccións e tratamentos que debilitan o sistema inmunitario. Entende que esta falta de claridade provoca incerteza e mesmo ansiedade entre os pacientes que acoden aos centros hospitalarios, e tamén aos propios profesionais. "Igual hai xente que é positiva de verdade e ninguén llo comunica e está a contaxiar", laméntase.

Indica que o persoal de enfermería atópase moi cargado de traballo debido a que se esgotou a lista de espera e non hai enfermeiras suficientes para atender de maneira relaxada todos os servizos. Sara sinala que a precariedade dos contratos provocou que numerosas profesionais marcharan á privada ou a outros países onde contan con mellores condicións laborais que en Galicia.

Esta enfermeira xa trasladou a súa preocupación por esta situación a outras compañeiras e ten previsto comentarllo aos sindicatos para que coñezan o problema porque entende que tanto o persoal como os pacientes "teñen dereito a coñecer e a saber".