Prevén reabrir ao tráfico en abril a ponte de Ponte Arnelas

O Salnés
21 de febreiro 2024

A Xunta de Galicia prevé reabrir ao tráfico en abril a ponte de Ponte Arnelas, en Ribadumia, que tivo que ser reconstruído despois de que a calzada cedese parcialmente a pasada primavera debido á corrosión nas súas péndolas

Ethel Vázquez supervisa as obras de reconstrución da ponte de Ponte Arnelas

A Xunta de Galicia prevé reabrir ao tráfico en abril a ponte de Ponte Arnelas, en Ribadumia, que tivo que ser reconstruído despois de que a calzada cedese parcialmente a pasada primavera debido á corrosión nas súas péndolas.

Estes traballos de reconstrución teñen como obxectivo restituír o tráfico e o tránsito peonil por esta ponte, que comunica Ribadumia e Vilanova de Arousa a través da estrada PO-300.

A conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez, visitou este mércores o avance desta actuación, que adoptou unha solución consistente en reforzar a cimentación, coa disposición de pilas en ambas as marxes do río, que xa están executadas.

Ademais, o proxecto apostou pola disposición dunha nova estrutura metálica, que cambia a fisonomía da ponte, ao eliminar o arco e os tirantes, "pero que permite gañar en estética e en integración na contorna", sinalou Vázquez.

Son dúas estruturas en celosía, de 60 metros de longo e de 95 toneladas de peso cada unha, as que este mércores comezáronse a izar sobre a ponte e que, unha vez situadas sobre as pilas, haberá que unir.

Estas pezas da estrutura principal da ponte preparáronse en taller e, por razóns de loxística e de montaxe, cada unha delas dividiuse en dúas pezas, para poder transportalas.  

Para a súa colocación serán necesarios dous guindastres, unha en cada marxe do río, e cando estean asentadas sobre as pilas procederase a unilas con perfís transversais mediante soldadura. 

Prevese que estes traballos se prolonguen durante unhas dúas semanas e media, sempre que existan condicións meteorolóxicas favorables.

Despois colocaranse as prelosas, procederase ao formigonado do taboleiro, colocaranse as barreiras, executarase o aglomerado, pintarase toda a estrutura e habilitaranse as ramplas de acceso da pasarela peonil existente no nivel inferior, dotándoa de varanda e pavimento.

Na reconstrución da ponte de Ponte Arnelas, o goberno galego está a investir uns 5,3 millóns de euros.

Ethel Vázquez destacou que a Xunta "actuou con dilixencia desde o primeiro momento" para resolver as deficiencias que presentaba esta ponte, unha "infraestrutura estratéxica" para Vilanova e Ribadumia e para a vertebración interior de toda a comarca do Salnés.