Prevén desde o Concello un encontro con colectivos de Campelo para abordar o peche da oficina de Abanca

Poio
12 de agosto 2021

Os grupos da Corporación municipal acordan solicitar unha reunión cos responsables territoriais da entidade bancaria, a quen se lles esixirá que se manteñan operativas todas as sucursais que existen actualmente en Poio

Xuntanza da Xunta de Portavoces do Concello de Poio Concello de Poio

Os catro grupos da Corporación municipal, BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular, mantiñan un encontro para acordar a firma dunha declaración institucional en contra da decisión de Abanca de pechar a sucursal bancaria de Campelo, medida que adoptarán a partir de setembro, segundo trasladaron desde a entidade a dirixentes municipais durante os últimos días.

Todos os grupos coinciden en que manter operativo un dispositivo automático en Campelo, trasladando a oficina a Combarro, tal e como pretende a entidade, é "totalmente insuficiente" e consideran que non responde ás necesidades de máis dun milleiro de residentes neste núcleo de poboación da parroquia de San Xoán, segundo manifestaba o alcalde Luciano  Sobral, tras a Xunta de Portavoces convocada de forma extraordinaria para tratar esta problemática.

Todos os grupos políticos representados por Xulio Barreiro, Chelo Besada, Silvia Díaz e Ángel Moldes están decididos a emprender accións para que Abanca reconsidere "esta decisión tan desafortunada" de pechar a oficina situada na rúa Pedro Soto Couselo, afirma o alcalde ao tratarse dun punto que rexistra unha importante actividade a diario.

O  Concello tamén estuda convocar un encontro con agrupacións e colectivos como a Confraría de Pescadores, a lonxa e outras entidades do tecido empresarial e social de Campelo para analizar a situación e adoptar posturas para que Abanca trate con respecto a este núcleo residencial do municipio, apuntan desde a corporación.

O  Concello estudará, como solicitou o PP, a opción de dar de baixa todas as contas que actualmente mantén operativas nesta entidade. Solicitarán, ademais, unha reunión cos responsables territoriais de Abanca para instar a que manteña operativas todas as oficinas do municipio e reclamar novamente ao instalación dun caixeiro automático en Raxó, referente turístico que xa sufriu o desmantelamento da oficina anos atrás, segundo indican desde o goberno local.