Preto dun millón de euros en material para afrontar a pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves, tras o Consello da Xunta que "probablemente" nos próximos días o Goberno optará por endurecer as restricións en Galicia, pois "todos os datos" da evolución da pandemia son "malos sen ningún tipo de condición nin de matiz"

Test PCR realizado durante o cribado de O Vao Mónica Patxot

O Consello da Xunta de Galicia deste xoves deu o visto e prace á contratación, polo trámite de emerxencia, da que é xa a sexta adquisición de bens, contratación de servizos e pequenas obras para facer fronte á pandemia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Nesta ocasión, o importe para investir é 915.413,93 euros. 

O Consello autorizou a tramitación de emerxencia de varios expedientes de contratación por un valor total de 8.143.576 euros, para subministrar material e equipamento a diferentes hospitais do Servizo Galego de Saúde co que facer fronte á covid-19.

No caso da área sanitaria pontevedresa, a partida máis importante é a destinada a material de laboratorio, cun total de 709.117 euros

Así mesmo, o Consello da Xunta autoriza o investimento de 132.307 euros en instrumental e material sanitario. O resto destínase as pequenas obras, mobiliario, vestiario e servizos de limpeza e seguridade.

Outro dos expedientes aprobados destina 983.402 euros á subministración de materiais para a realización de programas de cribado e diagnóstico da covid-19. Neste caso son todos os hospitais galegos os receptores destes consumibles, entre eles os de Pontevedra e O Salnés, xa que se reparten en función da situación epidemiolóxica de cada área e seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública. 

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves, tras o Consello da Xunta que "probablemente" nos próximos días o Goberno galego optará por endurecer as restricións en Galicia, pois "todos os datos" da evolución da pandemia son "malos". 

"Malos sen ningún tipo de condición nin de matiz", recoñeceu, para avanzar que, dado a situación epidemiolóxica "empeora", non vai "dubidar" en intensificar as restricións. En todo caso, asegurou que non se "improvisarán" decisións e adoptaranse seguindo as recomendacións do comité clínico de expertos sanitarios.