Preto de 200 persoas danse cita na cea solidaria de Cáritas a prol dos damnificados polos incendios

Ponte Caldelas
25 de novembro 2017

A coordinadora de asociacións está ultimando a organización dun novo evento de carácter benéfico

Cea solidaria de Cáritas Ponte Caldelas Antón Xil

Unhas 200 persoas aproximadamente, déronse cita na cea solidaria, organizada por Cáritas en colaboración coa coordinadora de asociacións "Ponte Caldelas Solidaria", celebrada na Discoteca Reivi.

O resultado do recadado pola organización neste evento, despois de descontar os gastos, será ingresado xa na conta de Cáritas-Concello e irá destinado aos damnificados polos incendios do pasado mes de outubro segundo criterios técnicos que determinarán os responsables do departamento de Servizos Sociais e directivos da ONG.

A coordinadora de asociacións está ultimando a organización dun novo evento de carácter benéfico que terá lugar o vindeiro domingo 10 de decembro no pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas.

Incluirá actividades lúdicas para toda a familia, a venda de postres e comida caseira para degustar no recinto deportivo ou levar para a casa así como unha master class de zumba, exhibicións das escolas municipais de taekwondo e ximnasia rítmica, música e as poxas de artigos e servizos doados polos comerciantes de Ponte Caldelas, así como un balón do Real Club Celta asinado polos xogadores do primeiro equipo.