Presentan unha querela contra os conselleiros de Industria e Facenda pola súa xestión do caso Alfageme

O Salnés
23 de febreiro 2013

Alfageme volve aos tribunais, aínda que esta vez non pola xestión dos seus anteriores propietarios. O sindicato CIG presentou unha querela por un suposto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos no proceso de venda da conserveira. Os denunciados son, entre outros, os conselleiros de Industria, Francisco José Conde, e de Facenda, Elena Muñoz, así como o exconselleiro Javier Guerra.

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, reunido co secretario xeral da CIG, Suso Seixo Xunta de Galicia

Alfageme volve aos tribunais, aínda que esta vez non pola xestión dos seus anteriores propietarios. O sindicato CIG presentou unha querela por un suposto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos no proceso de venda da conserveira. Así o adianta a axencia Europa Press. Os denunciados son os conselleiros de Industria, Francisco José Conde, e de Facenda, Elena Muñoz, así como o exconselleiro Javier Guerra.

O sindicato nacionalista considera que debido á actuación dos responsables políticos denunciados, entre os que inclúen tamén ao director do Igape, Javier Aguilera; e á secretaria xeral do Patrimonio, Socorro Martín, durante o proceso de liquidación e venda de Alfageme perdéronse os 30 millóns de euros que a Xunta pagou en concepto de avales, así como 5,9 millóns de euros na poxa das naves e das marcas da conserveira.

Así o explica a responsable do Área de Alimentación da CIG, Rosa Abuín, quen recordou que "desde hai tres anos vimos denunciando que non existía responsabilidade política para recuperar o proceso produtivo de Alfageme e o tempo deunos a razón". Durante todo este tempo, asegura, "o máis lamentable é que polo camiño quedaron máis de 36 millóns de euros e 160 postos de traballo".

Na súa querela, a CIG argumenta que tanto o director do Igape como os conselleiros de Industria e a titular de Facenda tomaron decisións "a sabendas de que infrinxían preceptos legais ou incumprindo os trámites que establece a lei". Ademais considera que a adquisición por parte do Igape das naves de Vilaxoán e de Ribadumia, así como da marca Miau, realizouse "mediante o pago dun prezo, a título oneroso sen o informe favorable do centro directivo competente en materia de patrimonio".

Expón tamén a CIG nesta querela que os denunciados utilizaron diñeiro público naquilo para o que non estaba destinado "co ánimo de protexer a nefasta xestión realizada". Por todo iso, solicitan para os denunciados unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público de entre sete e dez anos.

Coa presentación desta querela, a CIG pretende esixir responsabilidades a quen, ao seu entender, "de forma irresponsable" xestionaron o proceso de venda de Alfageme. "Sabemos que con esta medida non imos recuperar o proceso produtivo da conserveira nin os postos de traballo pero polo menos esiximos que os culpables deste fracaso paguen por elo", explicou Rosa Abuín.

A CIG considera que o proceso de liquidación de Alfageme é xa "irreversible", máxime cando esta mesma semana a administración concursal vendeu a maquinaria da conservera por un millón de euros a un comprador de Murcia. "Que ten agora a Xunta, entón?", pregúntase Rosa Abuín. "Dúas naves baleiras e unha marca que leva anos fóra do mercado. A quen pretende venderlle iso?".

A portavoz do sindicato indicou tamén que os responsables da empresa conserveira cántabra El Consorcio informáronlles que ante a venda da maquinaria e a negativa por parte do Igape de sacar a concurso os bens adquiridos retiran definitivamente a súa opción de compra e a súa intención por relanzar Alfageme.

Arquivado en