Presentan unha programación variada e respectuosa coa tradición do Entroido de Poio

Poio
31 de xaneiro 2024

O Concello de Poio presentou este mércores a programación do Entroido 2024, que inclúe desfile, festas e pasarelas de comparsas, propostas para as familias e enterros

Presentación da programación do Entroido de Poio Concello de Poio

O Concello de Poio presentou este mércores a programación do Entroido 2024, que inclúe desfile, festas e pasarelas de comparsas, propostas para as familias e enterros. 

O alcalde Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e representantes das comparsas, grupos e colectivos que colaboran coa organización animaron á participación de veciños do concello e doutros municipios a sumarse a un entroido "cunha programación moi variada, que respecta a tradición e que se desenvolve en todo o concello".

As actividades comezan o domingo 11 de febreiro, cun desfile que muda o seu percorrido e o horario. "Queríamos aumentar a participación neste entroido e por iso organizamos o desfile en horario de mañá, e parece que este horario está funcionando porque xa son moitas as comparsas que xa confirmaron a súa asistencia", indicou Moldes.

O desfile sairá desde a Biblioteca Municipal ás 12.00 horas, e o percorrido rematará na Praza da Granxa, en Campelo, onde se fará entrega dos premios e se inclúe animación musical. Este ano apostouse por reducir o traxecto, atendendo así ás queixas dos concursantes e do público que se queixaban de que nos últimos anos era excesivamente longo. Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.

O alcalde agradeceu "o apoio de todos os grupos e comparsas de Poio aos cambios que introducimos este ano". 

A segunda das novidades é a festa que se vai celebrar na Seca o venres 23, que se iniciará ás 18.00 horas con animación para toda a familia a cargo de A gran Barafunda, e ás 21.00 horas continuará coa exhibición das comparsas locais e convidades, entregas de mencións especiais e a música de Dolce Vita.

FESTAS E ENTERROS NAS PARROQUIAS

A maiores destas dúas citas, o programa de entroido tamén inclúe as festas veciñais que se organizan nas diferentes parroquias. Deste xeito, o martes 13, o Ateneo Corredoira organiza na Comunidade de Montes de Combarro a festa familiar con Moura Animación e ambientación musical a partir das 17.00 horas. O mércores 14, ás 20.30 horas, enterrarase o Mexillón, cun percorrido fúnebre acompañado das comparsas locais desde o porto da Canteira ata a Praza da Chousa, en Combarro.

Xa o domingo 18, o entroido trasládase a Lourido, onde a Asociación de Veciños organiza unha xornada que comezará ás 17.00 horas cunha festa familiar na que non faltarán o chocolate con churros, e ás 19.00 horas será o enterro do Berberecho. A comitiva fúnebre fará un percorrido arredor do parque Costa Giráldez, compañada das comparsas locais.

O sábado 24, será o enterro do Galo Fodorico, organizado pola ACV Ronsel. O cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde a rotonda ata a Praza do Mosteiro, onde será incinerado en presencia das comparsas locais. Posteriormente celebrarase a Festa Choqueira, coa actuación do Trío Arena, tamén na Praza do Mosteiro.

A festa familiar de entroido en Campelo celebrarase o sábado 2 de marzo, coa peque disco de Barafunda Animación. ÁS 17.00 horas no Espazo Municipal e organizado pola asociación de veciños. Unha semana despois, o sábado 9, Samieira acollerá o desfile e enterro do Galo Bruxo, con percorrido entre a Praza Amalita ata a Casa do Pobo en Río de Bois. A partir das 17.30 horas, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva de Samieira.

Arquivado en