Presentan o proxecto para mellorar o ámbito da capela de Santa Margarida e o seu carballo

Pontevedra
04 de outubro 2016

Ata 200.000 euros. É o custo que ten o proxecto que ten sobre a mesa o goberno municipal para mellorar o ámbito da capela de Santa Margarida e o centenario carballo que preside o seu adro. Os veciños xa coñeceron os detalles e puideron presentar as súas suxestións

Carballo de Santa Margarida Cristina Saiz

Ata 200.000 euros. É o custo que ten o proxecto que ten sobre a mesa o goberno municipal para mellorar o ámbito da capela de Santa Margarida e o centenario carballo que preside o seu adro. Os veciños xa coñeceron os detalles e puideron presentar as súas suxestións.

Os concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña, responsables de Patrimonio Histórico e delegado da parroquia de Mourente, respectivamente, mantiveron un encontro coa comunidade de montes de Mourente e cos veciños.

A proposta do Concello busca actuar sobre a contorna da capela para retirar o asfaltado e substituílo por un pavimento diferenciado na estrada lindeira calmando o tráfico, á súa vez, e permitindo o uso deste espazo como praza pública para festas ou actos veciñais.

Tamén inclúe a instalación dunha bancada corrida no muro do adro da capela e -de ser posible- movelo para abrir un paso peonil ao carón.

O proxecto tamén contempla a retirada do formigón que rodea o carballo para deixar un alcorque de terra duns 21 metros de diámetro (equivalente á copa da árbore), empedrado no acceso. Preto do centenario carballo medra un fillo del, plantado no ano 2002, que tamén recibiría un tratamento diferenciado.

Ademais dos comuneiros e dos veciños, o Concello xa mantivo contactos coa Deputación, como responsable da estación do Areeiro, e co Arcebispado de Santiago, propietario da capela, para avanzar nestes traballos.

Tamén será precisa a aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.