Campañó foi a última parroquia en sumarse á nova rede de campos de fútbol de herba sintética do rural pontevedrés.
O goberno local presentou este venres o proxecto da nova instalación de herba sintética, que estará situada no mesmo lugar que o campo actual, xunto ao futuro parque forestal da Tomba, creando "unha enorme zona deportiva e de lecer para a parroquia", defendeu o concelleiro Demetrio Gómez.
Nesta obra, que agora debe saír a contratación pública, investirase case un millón de euros ao contar con "materiais de alta calidade", e ademais estará "integrado na paisaxe", explicou o edil.
A superficie de xogo contará cunhas medidas de 95x53 metros, aproveitando ata o límite do terreo. Ademais está previsto construír catro vestiarios para os equipos, dous para os árbitros, bancada, aseos, cantina, enfermería e almacén.
O prazo de construción, unha vez adxudicado o contrato, será de aproximadamente oito meses, pero primeiro debe concluír a tramitación do prego de condicións do concurso de contratación.
"Calculamos que para final de ano saberemos que empresa fará a obra", augurou Demetrio Gómez.
Campañó súmase así a unha lista de campos de fútbol de herba sintética de última xeración no rural na que tamén figuran Cerponzóns (adxudicado), Santa María de Xeve (en proceso de adxudicación), Ponte Sampaio (en proxecto) e Salcedo (a comunidade de montes debe aprobar aínda a cesión dos terreos).
A XUNQUEIRA, A PLENO RENDEMENTO
O campo de fútbol que, desde esta semana, está xa a pleno rendemento é o da Xunqueira, despois de varios meses de obras para renovar a súa superficie e mellorar a drenaxe.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, visitaron este venres as instalacións do campo de fútbol sintético máis antigo do municipio, xa que foi inaugurado en 1999 e renovado posteriormente no ano 2005.