Presentan 'O pasado por vir', un programa da Deputación para reivindicar ideas avanzadas na provincia antes do Golpe do 36

Pontevedra
10 de novembro 2020

A deputada María Ortega avanzou algunhas das actividades previstas neste plan plurianual que contará con actividades de investigación e de divulgación que se desenvolverán a través de diversos formatos como xornadas, audiovisuais, teatro, exposicións, publicacións e unidades didácticas para trasladar aos centros educativos

A deputada da Memoria María Ortega Deputación Provincial de Pontevedra

María Ortega, a deputada responsable da área de Memoria Histórica na institución provincial, presentaba un programa plurianual que leva por título 'O pasado por vir', unha proposta que tentará recoller e analizar ideas transformadoras que se atopaban en vigor antes de que se producise o golpe de estado do ano 1936, cos posteriores anos de ditadura.

Está previsto que se desenvolvan, neste mes da memoria, diversas actividades de investigación e de divulgación con xornadas, audiovisuais, teatro, exposicións, publicacións e unidades didácticas para que o profesorado poida utilizalo nos centros educativos.

Atenderase a tres criterios: a idea de país, de clase e de xénero no desenvolvemento do programa. Desta forma, indicou María Ortega, trataranse as transformacións políticas, socioeconómicas e culturais que se puxeron en marcha na Galicia de principios do século XX. 

A deputada lembrou a importancia que tivo a Deputación de Pontevedra nese proceso de cambio entre 1900 e 1936 coa inauguración do Museo de Pontevedra, o traslado á cidade da Misión Biolóxica e a creación da Caixa de Aforros.

A estes acontecementos sumáronse a fundación do Laboratorio Miguel Servet, que despois daría lugar a Zeltia, unha proposta de Alexandre Bóveda; a fundación do Partido Galeguista en 1931 en Pontevedra ou a campaña do Estatuto de Galicia que artistas como Castelao, Díaz Baliño ou Maside emprenderon. 

En canto á importancia da muller neste período, a Deputación quere ofrecer a visión de mulleres pioneiras como a valguesa Carme Sierra, primeira das socias do Seminario de Estudos Galegos, ou o caso de Olimpia Valencia, a primeira galega que exerceu a medicina. Tamén se ofrecerá unha perspectiva de mulleres de clase obreira que loitaron polos dereitos e liberdades colectivos.

A intención, explicou a deputada responsable da Memoria Histórica, é divulgar a vida de persoas que tiveron unha especial relevancia naquela época e trasladar esa mensaxe á actualidade para enfrontarse a ideoloxías fascistas. Nesta liña, María Ortega lembrou as herdanzas da actual democracia procedentes de pactos asinados baixo os mandatos do franquismo.

Lembrou que numerosas xeracións civís, incluídas a actual, víronse lastradas polo estado represivo afectando a movementos sociais e culturais. Desde a Deputación están a recompilarse artigos de persoas investigadoras como Margarita Romero Lorenzo, Carmen Vidal Lage, Marcelino Abuín, Dionisio Pereira, entre outros, onde se analizan as iniciativas que arrincaban naqueles anos. Unha vez recollido será divulgado a través de diversas fórmulas quedando ao dispor de asociacións e gobernos locais, que poderán solicitar encontros cos especialistas para realizar charlas.

Este programa tamén contempla a celebración anual das 'Xornadas contra a impunidade', que suman xa dúas edicións, cunha dedicada ás familias Caamaño, Paz e Bóveda na presentación da querela Arxentina, e outra destinada a analizar o discurso da Transición desde un punto de vista crítico.

Está previsto celebrar unhas Xornadas de Traballo baixo o título de 'Galiza ten memoria: políticas públicas' para abrir debate entre as asociacións que traballan a Memoria e os tres grupos parlamentarios de Galicia para estudar iniciativas.

Ademais desenvolveranse propostas para a mocidade e para a infancia como as que xa se atopan en marcha a través de O Garaxe Hermético sobre banda deseñada coa Illa de San Simón de fondo argumental e o Premio de Microteatro en colaboración coa Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

Precisamente este martes María Ortega asinaba un acordo coa vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, e as bases para particiar neste premio de textos teatrais expoñerase este mércores tanto no web da Deputación como na páxina da Escola.