Presentan 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico para "coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano"

Pontevedra
02 de xuño 2023

A deputada en funcións de Memoria Histórica, María Ortega, e a técnica Montse Fajardo, presentaron este venres o proxecto fotográfico 'E se fose hoxe?', no que persoas actuais simulan aos seus antecesores que viviron o Golpe de Estado do 36  

Miguel Anxo Fernández Lores, no proxecto 'E se fose hoxe?' Deputación de Pontevedra

A deputada en funcións de Memoria Histórica, María Ortega, e a técnica Montse Fajardo, presentaron este venres o proxecto fotográfico 'E se fose hoxe?', no que persoas actuais simulan aos seus antecesores que viviron o Golpe de Estado do 36.

María Ortega explicou que tiñan moitas ganas de lanzar este proxecto que consideran "importante para dar a coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano e achegalo á poboación en xeral e mocidade en particular", mostrar que "estas persoas non eran distintas a nós e non fixeron nada máis que defender unhas ideas na loita dunha sociedade máis xusta" e "alertar do perigo do avance do fascismo, ilustrando as consecuencias do Golpe de Estado como se fose hoxe".

Neste senso, a deputada indicou que esta campaña tamén "é un exercicio de responsabilidade" co que "alertar das consecuencias que o fascismo tivo nas nosas vidas e que estamos padecendo hoxe especialmente as mulleres".

A inauguración da mostra fotográfica será este lunes 5 de xuño ás 19:00 horas e poderá verse ata o día 22. Contará coa presencia das persoas que participaron no proxecto e familiares das homenaxeadas, entre as que estarán María Josefa Carrasco, filla de Dámaso Carrasco, ou Manolo Puga, fillo de Ernestina Otero. O toque musical o porá a cantante Seila Patricia. Para dalo a coñecer publicarán un catálogo coas fotografías da campaña acompañadas das imaxes das persoas homenaxeadas e un texto explicativo, bandeirolas explicativas nalgúns concellos e pezas audiovisuais no Youtube da Deputación de como se fixo.

Montse Fajardo indicou que con 'E se fose hoxe?' buscaron "colocar persoas de hoxe nas situacións que viviron as persoas que ocupan os seus cargos e que realizan a súa mesma función".

Deste xeito, os protagonistas son: o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, representando a Manuel García Filgueira (alcalde en 1936), "que estivo desde o 36 ata o 49 agochado para fuxir da barbarie que se desatou na provincia"; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que representa "as persoas que non foron directamente asasinadas pero perderon a súa vida en consecuencia das penurias e enfermidades da cárcere" e en especial o que foi presidente da Deputación no 36, Maximiliano Pérez Prego, que faleceu no hospital despois de pasar polo cárcere; e o deputado do Parlamento de Galicia, Luis Bará, simulando a Osorio-Tafall, que "tivo que exiliarse e marchar de Pontevedra para facer a súa vida noutro lugar".

Outra das persoas representadas é Castelao na figura de Kiko da Silva, "simulando as penurias económicas e a fame que pasou", ou Ramiro Paz, que foi asasinado e lle quitaron os seus bens. Neste caso está representado polo seu neto Cano Paz, dono da librería Paz, que simulou a incautación da súa libraría.

A expulsión das persoas funcionarias do posto de traballo está representada pola mestra Anxos Rial, homenaxenado a Ernestina Otero en colaboración co seu alumnado, que a despide na porta do Instituto Sánchez Cantón, e a represión física e sexista contra as mulleres e, en especial a rapa de pelo, o representa a deputada María Ortega como principal protagonista.

Finalmente, nunha especie de paredón xuntaron a alcaldes e alcaldesas da comarca do Morrazo nunha foto colectiva na que simulan aos seus antecesores do 36, que foron fusilados tras o Golpe de Estado. María Ramallo (Marín) é Antonio Blanco; Félix Juncal (Bueu) é Johán Carballeira, Leticia Santos (Moaña) é José Fandiño e Victoria Portas (Cangas) é Agustín Jorge Echeverri. Tamén prestaron os seus zapatos para facer unha foto simbólica.

A campaña fotográfica a realizou Alba Díaz, que tamén se prestou a ser fotografiada para homenaxear a Dámaso Carrasco e ás persoas que estiveron presas na Illa de San Simón. Dámaso Carrasco foi un dos presos máis simbólicos e súas son as fotos da colección da Illa que, "sen el, non tería rostro".

Tamén participaron en 'E se fose hoxe?' Amanda Seijas, o Canal Rías Baixas, a residencia Saraiba, o Consello Regulador Rías Baixas e Adif.