Presentada a 'Copa Mörling' de dornas a vela, que dará comezo o 17 de xuño en Portonovo

Sanxenxo
03 de xuño 2023

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por segundo ano consecutivo a 'Copa Mörling' de dornas a vela, unha proba que naceu como mostra de agradecemento a toda a labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas 

Presentación da segunda edición da 'Copa Mörling' de dornas a vela Concello de Sanxenxo

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por segundo ano consecutivo a 'Copa Mörling' de dornas a vela, unha proba impulsada polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling que naceu como mostra de agradecemento a toda a labor realizado en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas. 

Nesta edición o circuíto contará con seis regatas, empezando en Portonovo o 17 de xuño e finalizando en Bouzas (Vigo) o 9 de setembro.

En concreto acollerán esta actividade Portonovo, (XIV Regata do Sepelo- 17 de xuño), Cambados (VI Regata do Salnés- 1 de xullo), A Illa de Arousa (Triángulo do Cantiño- 15 de xullo), O Grove (XXXIV Regata dos Faros- 22 de xullo), Combarro, (II Regata da Reiboa- 26 de agosto) e Bouzas, (I Regata Cabo de Mar- 9 de setembro).

Serán probas de dúas horas de duración e que terán lugar os sábados pola tarde, excepto a de Combarro, que será pola mañá. 

A organización deste evento persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e da súa maneira de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente, sinalaron os seus responsables nunha presentación en que contou coa concelleira de Cultura de Sanxenxo, Paz Lago; a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; o representante de Amigos da Dorna de Portonovo, Alejandro Piñeiro, e o presidente de Culturmar, Xosé Luisa Sacau. 

Os colectivos que apoian a Culturmar na organización deste campionato son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa, Dorna Meca do Grove e Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas.