Preparan unha campaña reivindicativa da Escola de Educación Infantil de Verducido durante o Entroido

Pontevedra
19 de febreiro 2020

A comunidade escolar da EEI de Verducido concéntranse nas instalacións do colexio durante estes días para confeccionar a carroza que portará durante os próximos días de Entroido, ademais de finalizar os disfraces de piratas cos que se busca denunciar o maltrato por parte da Xunta

Escolares do EEI de Verducido preparan o Entroido ANPA do EEI de Verducido

A comunidade educativa da Escola de Educación Infantil (EEI) de Verducido decidiu tomarse estas datas de festa do Entroido como ferramenta para reivindicar o centro e evitar que leven a cabo recortes por parte da Consellería de Educación que poñan en perigo o seu futuro.

Para levar a cabo a súa protesta participarán en varios eventos da programación do Entroido en Pontevedra. Entre eles, asistirán o vindeiro sábado 22 ao desfile central da festa pontevedresa para mostrar polas rúas o seu malestar coa Xunta de Galicia. Tamén teñen previsto asistir á festa que se celebrará en Verducido o 29 de febreiro, un acto organizado polas asociacións da parroquia.

Durante estas xornadas previas á celebración destas actividades, familiares dos escolares, parte da veciñanza e persoas relacionadas con esta escola concéntranse nas instalacións do EEI de Verducido para confeccionar a carroza que portará durante os próximos días, ademais de finalizar os disfraces de piratas.

Segundo expoñen, o centro escolar de Verducido leva cunha matrícula de 30 escolares desde hai 20 anos con dúas mestras de infantil e unha para os dous cursos de primaria. Este profesorado, xunto ao de apoio, que se comparte con outros centros, formou unha comunidade educativa que conta con prestixio dentro da comarca.

No pasado curso, a Consellería de Educación anunciou a supresión dunha das aulas de infantil, unha das dúas prazas fixas de mestra. Entenden que é unha medida inxusta e que non favorece ao rural e lamentan a desatención por parte de César Pérez Ares, xefe territorial de Educación da Xunta en Pontevedra.

Arquivado en