Preparan o novo contrato para o sostemento do espazo público tras case esgotar o crédito do actual

Pontevedra
01 de febreiro 2022

O goberno municipal de Pontevedra está satisfeito co rendemento do novo servizo de sostemento do espazo público urbano, tanto polas obras realizadas no último ano como no seu grado de execución. Chegará a esgotar a partida dispoñible, dun millón de euros

Obras de mantemento na rúa Peregrina Concello de Pontevedra

O goberno municipal de Pontevedra está satisfeito co rendemento do novo servizo de sostemento do espazo público urbano, tanto polas obras realizadas no último ano como no seu grado de execución. Chegará a esgotar a partida dispoñible, dun millón de euros.

"A valoración non pode ser máis que extraordinariamente positiva", explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que asegurou que o servizo vai "a velocidade de cruceiro".

O orzamento contratado será executado. Neste intre, leva 820.000 euros certificados, a do mes de xaneiro está sen rematar pero estará nos 60.000 euros e quedarán 120.000 para os meses restantes do contrato, que remata en abril, cun ritmo de execución semellante.

En materia de reposición de firmes, atendéronse as rúas Daniel de la Sota, Xosé Malvar coa rúa Sequiña, Palamios, Campo da Torre, Cordón, Poza da Barcia, Juan Bautista Andrade, Rafael Areses, Valdecorvos, Conde Bugallal, Gaiteiro Soutelo, Otero Pedrayo ou O Castañal.

Amado Carballo, San Antoniño, Perfecto Feijóo, Rafael Dieste, Filgueira Valverde, María Victoria Moreno, Virxinia Pereira, Praza de Galicia, rúa San Roque, Victor Said Armesto ou Eduardo Pondal foron outras das zonas nas que se actuou.

Dentro do programa de reposición de beirarrúas, explicou Gómez, foron atendidos todos os barrios da cidade, aínda que de xeito especial o centro histórico.

Tamén se traballou na proximidade de garaxes na rúa Grecia, Uruguai, Uxío Novoneyra, Eduardo Pondal, Alemaña, Joaquín Costa, Castelao ou Médico Ballina; e no cambio de lousas, sinalización ou arranxo de mobiliario na Avenida de Vigo, Ponte Boleira, Praza de Galicia, Corbaceiras, María Victoria Moreno, Monte Porreiro ou Rosalía de Castro.

O programa de accesibilidade, que resolve problemas puntuais e concretos da veciñanza, melloraron estas cuestións no Campo da Torre, Manuel Colmeiro, Pilar Bértola, Nostramo Lourido, Avenida de Marín, Gaiteiro Soutelo ou Veiga da Valada.

Os servizos técnicos do Concello xa traballan na licitación do novo contrato.