"Preocupación" na oposición de Marín polos orzamentos municipais para 2024

Marín
17 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O BNG e o PSOE de Marín mostraron a súa preocupación polos orzamentos municipais aprobados para o ano 2024 polo Partido Popular. Segundo os socialistas, a alcaldesa María Ramallo "decidiu que este ano os marinenses terán que apertarse o cinturón porque se avecinan novas subidas de impostos"

Pleno do Concello de Marín Concello de Marín

O BNG e o PSOE de Marín mostraron a súa preocupación polos orzamentos municipais aprobados para o ano 2024 polo Partido Popular. Segundo os socialistas, a alcaldesa María Ramallo "decidiu que este ano os marinenses terán que apertarse o cinturón porque se avecinan novas subidas de impostos".

O incremento orzamentario proposto para este ano supón o "maior incremento anual de impostos na historia de Marín", lamentan os de Manuel Pazos, que aseguran que "o goberno que presumía de 'facer máis con menos' e de impulsar un política de impostos baixos, decidiu este ano incrementar a recadación fiscal como nunca antes se fixo en Marín".

Desta forma, o Concello recadará 1,1 millóns de euros mediante unha subida media de impostos locais e taxas municipais superior ao 15%.

Desde o partido nacionalista, pola súa banda, explican que o incremento orzamentario equivale a un 7,15% respecto ao ano anterior e que "non contempla unha estratexia clara para abordar os retos socioeconómicos de Marín, nin reflicte unha intención de incrementar o investimento en áreas críticas para o desenvolvemento comunitario".

Lamentan que esta suba non garante nin contribúe ao benestar social e ao dinamismo económico da vila, senón todo o contrario. As mulleres representan o 61% do paro rexistrado en 2023, o que reflicte "unha grave falla no compromiso do goberno local coa igualdade de oportunidades e a inclusión social.

"Estas cifras non só representan unha crise económica, senón tamén unha crise de xustiza social que este orzamento parece agravar ademais dunha falta de compromiso coa mellora da calidade de vida da veciñanza en Marín", segundo Lucía Santos.

Ante esta situación, o BNG esixe unha revisión dos orzamentos e que a veciñanza participe no proceso orzamentario para que garantir que se reflexen as súas necesidades; que se priorice o investimento en áreas que promovan o desenvolvemento económico e social sustentable de Marín, especialmente aquelas que aborden a desigualdade e fomenten a inclusión; e que se mellore a transparencia e a eficacia na xestión dos recursos municipais, asegurando que os orzamentos se axusten á realidade socioeconómica da vila e se executen de maneira efectiva.