Veciños da zona de Os Fontáns, na parroquia pontevedresa de Santa María de Xeve, viviron este luns con preocupación o avance dun incendio forestal. O lume logrou controlarse en pouco tempo, pero, durante os primeiros momentos ardendo, sinalan que tiveron medo de que chegase ás súas vivendas, pois iniciouse a poucos metros da zona habitada e achegouse a un galpón chego de tractores e gasolina.
Ante a chamada de alerta veciñal, desprazáronse ata ao lugar efectivos tanto da Consellería de Medio Rural como dos Bombeiros de Pontevedra. Houbo na zona medios terrestres e aéreos e o lume quedou controlado en menos de dúas horas.
Desde a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia sinalan que o primeiro aviso tivérono ás 15.01 horas deste luns e ás 16.40 horas o lume xa se deu por controlado.
Desde Medio Rural sinalan que non tiveron coñecemento de que estiveran en risco as vivendas. Segundo as cifras oficiais, ardeu arredor de hectárea e media de terreo e non foi necesario decretar ningunha alerta especial por proximidade a zonas habitadas.
Os veciños consultados por PontevedraViva e tamén os Bombeiros de Pontevedra sinalan que o lume estivo preto dunha zona de casas. Iniciouse nas proximidades da taberna Marinad'Or de Os Fontáns e, segundo informaron desde o Corpo de Bombeiros, que despregou dous camións na zona, houbo un momento no que o lume se achegou tanto á taberna como ás casas que están pegadas.
Veciños da zona xuntáronse nas proximidades do incendio para seguir a súa evolución, pois declararon estar "preocupados" polas súas vivendas, en especial polo risco que podía supoñer que o lume chegara ao galpón que máis preto estivo do lume porque tiña gasolina gardada.
Unha veciña da zona relatou a PontevedraViva que todo comezou moi rápido, "foi como unha bomba, comezou e en nada estaba todo ardendo". Esta veciña tamén sinalou que hai seis anos que non vivían un incendio nesta zona e que no monte máis próximo hai moi pouca limpeza, de maneira que un incendio era xa "de esperar".
Segundo a información oficial de Medio Rural, na extinción deste lume participaron un axente, cinco brigadas, catro motobombas, dous avións e un helicóptero.