Preocupación diante do atraso na apertura dos centros de día para persoas con parálise cerebral

Pontevedra
03 de xuño 2020

O peche prolongado destes servizos pode provocar o illamento social das persoas con parálise cerebral e a interrupción dunha serie de servizos que son vitais para evitar a deterioración física, psíquico ou cognitivo

Exposición "Tal día como hoxe" de ASPACE na Deputación Cristina Saiz

As entidades de Aspace Galicia trasladaron a súa preocupación diante da decisión da Xunta de que os centros de día e ocupacionais de atención a persoas con discapacidade non retomarán a súa actividade ata o próximo 1 de setembro.

Desde a declaración do Estado de Alarma procedeuse ao peche temporal destes centros e "as familias asumiron unha sobrecarga de coidados, que a día de hoxe, está a pasar factura no ámbito emocional e no físico".

Destacan que o feito de que este peche prolónguese ata setembro agudizará máis esta situación. Xa que estes centros tamén ofrecen servizos especializados de fisioterapia, logopedia, psicoloxía, lecer, formación, terapia ocupacional,... favorecen o mantemento e a dimensión social das persoas con parálise cerebral.

As entidades de Aspace entenden que hai que retomar a actividade presencial en centros de día e ocupacionais garantindo a seguridade das persoas con parálise cerebral e os profesionais das entidades (cunha apertura gradual, reducindo o aforo atendendo a aquelas persoas con necesidades urxentes,...).

Todas estas reflexións e demandas xa foron trasladadas aos responsables da Consellería de Política Social.