Preocupación ante a eventualidade laboral á que se enfrontan médicas de Urxencias en Montecelo

Pontevedra
07 de xullo 2022

O sindicato CESM Pontevedra denuncia que dúas facultativas deste servizo, que levan catro e tres anos asinando contratos trimestrais, atopáronse neste mes de xullo coa sorpresa de que a dirección só lles ofrece un contrato dun mes de duración. Ante esta situación, os representantes sindicais alertan de que, en pleno perídodo de carencia de profesionais médicos, estas doutoras están a estudar  a súa marcha a outras zonas onde lles propoñan contratos de máis duración

Médica revisando unha proba de imaxe Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia - Arquivo

A escaseza de profesionais médicos converteuse nun problema grave en Galicia e, en concreto, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Nas últimas horas, Alfonso Rueda, presidente da Xunta, alertaba ao goberno central da urxencia para crear mil prazas de médicos internos residentes (MIR) para poder cubrir as vacantes actuais nos centros hospitalarios.

Ante esta situación, os sindicatos e os profesionais médicos levan tempo reclamando mellores condicións laborais con contratos de maior duración que ofrezan seguridade de cara ao futuro a medio prazo. O sindicato CESM Pontevedra denuncia, neste sentido, o caso de dúas facultativas do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo que traballan con contratos eventuais por circunstancias da produción, os coñecidos como contratos por acúmulo. Unha delas leva catro anos e outras tres neste posto asinando contratos trimestrais, segundo denuncia o sindicato.

A sorpresa é que neste mes de xullo, cando tiñan que renovar a súa continuidade, a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, presentoulles un contrato de tan só un mes de duración, en pleno período de carencia de profesionais médicos. Ante esta precariedade, CESM advirte de que as doutoras están a avaliar outras ofertas laborais fóra da provincia nas que lles propoñan contratos de máis duración e, por tanto, abandonarían Montecelo.

INCIDENCIAS HOSPITALARIAS

Precisamente o sindicato médico sinala que este xoves, ás 08.00 horas, quedaban pendentes de ingreso en cama hospitalaria un total de once pacientes. Denuncian tamén que a tomografía computarizada, o TAC, de Montecelo atópase sen actividade durante a mañá debido a unha revisión técnica. Esta circunstancia obriga a que os pacientes que requiran esta proba teñan que desprazarse ao Hospital Provincial.

Fronte esta situación sanitaria, Enrique Marra-López, representante de CESM Pontevedra, critica que o Sergas decidise iniciar obras en varios despachos da dirección no Hospital Provincial porque "ao parecer non son o suficientemente cómodos para os seus ocupantes". 

Este colectivo manifesta o seu malestar ante decisións que acomete a xerencia que lidera José Ramón Gómez e pide a participación ás 20.00 horas deste xoves na concentación cidadá diante do consultorio de Raxó, no municipio de Poio, para demandar a presenza de persoal médico para atender á poboación durante todo o verán, xa que actualmente o centro, malia estar aberto, carece de facultativos.