A "apertura de miras e valentía" dos pais e a "implicación desinteresada" do profesorado son "un dos principais piares do éxito" da iniciativa de 'Camiños Escolares'. Así o considera a Policía Local de Pontevedra, que este venres lles concedeu unha felicitación especial durante a celebración do Día da Policía no Pazo da Cultura.
O presidente da Federación de Nais e Pais de Pontevedra (FANPA), Rogelio Carballo, e representantes dos colexios Álvarez Limeses, Campolongo, Froebel, Barcelos, Vidal Portela y Doroteas foron premiados por contribuir a acadar "cifras impresionantes" na aplicación do proxecto, como é que máis do 66% dos alumnos aos que vai dirixido van andando e o 30% deles vai só.
O Día da Policía distingue en cada edición a policías e outras persoas que ao longo do ano anterior contribuíron ao traballo deste Corpo ou destacaron pola súa boa acción cidadá. Este 2014 a medalla ao mérito profesional outorgóuselle ao axente David Abollo Rodríguez pola súa "heroica intervención" no rescate dunha persoa que se precipitara ao río Lérez no mes de novembro de 2013. Recoñéceselle coa máxima distinción deste ano pola súa "determinación e indubitado valor para lanzarse á auga nunhas condicións adversas e con evidente risco para a propia vida".
Ademais, recibiron unha felicitación persoal Luis Adolfo Alfonso González como un dos principais impulsores do grupo de mediación policial creado en 2013 e que "tan bos resultados está dando"; o policía destinado ao servizo da sala do 092 Ricardo Veiga Lage; e o oficial Diego Díaz Outeda, que no último ano se enfrontou á resolución dunha serie de casos complexos que "esixiron un considerable esforzo" e "logrou resolver dun xeito máis que satisfactorio".
Especial trascendencia pública tiveron durante o ano pasado as actuacións do resto de policías locais distinguidos. Daniel Carrillo Durán, ÿscar Franco Padín, David Iñarrea Macías e David Barreiro foron felicitados pola súa intervención ao impedir unha agresión multitudinaria en plena noite das festas da Peregrina no centro histórico.
A Juan José Pérez Cancela e Ricardo Cruceira Soto recoñéceselle a súa actuación o 7 de outubro ao conseguir deter a tres mozos que viñan de atracar unha gasolineira de Redondela facéndose cun bote de 50.000 euros. Agardaban na avenida de Vigo e logo dunha pesecución en motocicleta lograron interceptalos e recuperar a práctica totalidade dos cartos sustraidos, que os delincuentes foran espallando pola rúa na súa fuxida.
A colaboración con outros Corpos policiais e colectivos profesionais forma parte do día a día da Policía Local e este ano agradeceuse a súa actuación neste eido ao comisario provincial da Policía Nacional, Guillermo Sánchez; a funcionaria do Gabinete da Alcaldía Alicia Paula Otero; a coordinadora dos servizos de limpeza municipal, Isabel Couselo; a emisora Radio Pontevedra; a asociación Arela; e o voluntario de Protección Civil de Pontevedra Justo Gil Día, Tito, se ven no seu caso non puido acoller a recoller persoalmente o recoñecemento.
Os cidadáns anónimos tamén tiveron a súa representación entre os premiados pola Policía Local. Neste caso, recoñeceuse a actuación de María Julia Gil Eiras, que o 8 de decembro atopou na vía pública unha carteira que, entre lotería e diñeiro en metálico, tiña uns 5.000 euros. Presentouse no departamento de obxectos perdidos da Policía Local para entregarla e que se fixese chegar ao seu dono, o responsable dun establecemento da praza de abastos. Recoñeceuse o seu "comportamento solidario, empático e cheo de respecto hacia os seus semellantes".
Toda esta lista de condecorados e todo o persoal da Policía Local recibiron unha felicitación especial nos tres discursos que pecharon o acto antes de que o día pasase a un carácter máis festivo e os asistentes puidesen degustaron un aperitivo: o intendente xefe, Daniel Macenlle; a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Lores felicitounos por ser "un referente de Policía" intelixente, ben dotada, modernizada e capaz de prestar servizos de alta calidade á cidadanía, tanto no ámbito da mobilidade, como no da educación, na mediación de conflictos entre persoas, na seguridade pública ou na protección de xénero. E trasmitiulles o seu orgullo porque nos foros de mobilidade europeos nos que participou nos últimos tempos ten recibido moitas loubanzas polo papel da Policía Local.